Artesanía

...

Listado Artesans

 

Os traballos populares que perduran na bisbarra foron adaptándose a novas funcións, que máis teñen que ver coa valoración da calidade e beleza das pezas que coa necesidade práctica para a vida cotiá. Isto é o que pasa coa elaboración de cestos de vimbio ou cerámica, ou obxectos de latón.

No seu día moitos servían para os traballos da recolección da uva, almacenamento do viño, ou elaboración da augardente, pero hoxe son máis ben apreciados desde o punto de vista estético, como obxectos de decoración. As mudanzas na sociedade e nos obxectos que a acompañan fixeron que moitos destes oficios se foran perdendo nas últimas décadas, pero recentemente o movemento de recuperación e valoración destes é cada vez máis intenso.

Ao redor do viño e derivados da uva foise establecendo unha tradición hoxe case perdida do traballo do latón e cobre, que en concellos como os de Lemos, Sober e Portomarín foi ben importante. Con estes metais realizábanse as alquitaras, ou alambiques, obxectos de orixe árabe cos que se fai a destilación da augardente desde a Idade Media, a partir do bagazo, que é a parte sólida da uva que queda despois de ser esmagada para o viño.

Os latoeiros servíanse de follas de lata mercadas en tendas ou aproveitadas de envases vellos. Sobre estas marcaban logo os perfís con punzón, regra e compás, e cortaban as pezas que finalmente serían soldadas. Os cambios na normativa de saúde pública (Decreto da Xunta do ano 1989) e a propia evolución do sector fixo que a produción caseira desta bebida, coa famosa figura do augardenteiro ambulante, deixara de ser habitual na Ribeira Sacra, igual ca no resto de Galicia.

Consérvanse tradicións en Chantada como o traballo de tecedeiras e zoqueiros, amais do dos cesteiros, que deron lugar ás xerras de Bergaza, aproveitando plantas do vimbio co que tamén se extraía a materia prima para armar as viñas. En Quiroga, prodúcese hoxe aceite puro de oliva sen refinar, a partir de olivas da zona.

A produción artesanal deste aceite destaca polo seu carácter excepcional, sendo caso único en Galicia. Recolle unha vella tradición asociada á presenza de olivas e de muíños na zona oriental da Ribeira Sacra, con clima e vexetación de claras influencias mediterráneas.

Pero sen lugar a dúbidas, é a olaría o oficio tradicional máis relevante tanto pola calidade dos seus produtos como porque se souberon adaptar ás novas funcións, creando unha imaxe de calidade recoñecida fóra destas bisbarras. Os centros de Gundivós (en Sober) e Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), son centros dunha produción moi loada. No concello de Sober elabórase a olaría de Gundivós, cos seus peculiares “xerros”, de cor negra pola aplicación dun verniz especial (“pez”) que os impermeabilizaba, quedando o interior moi brillante e o exterior escuro polo fume da cocción.

Estes recipientes usábanse moito nas adegas e cociñas, e existía a opinión de que melloraban o sabor do viño. Os “cacharros” foron co tempo perdendo o seu valor funcional, desprazados polos novos obxectos industriais, moitos deles de plástico, abandonándose moitos vellos talleres, que abastecían a demanda en feiras e mercados de Monforte, Castro Caldelas, Chantada ou Lugo. Nos últimos anos estase a recuperar o oficio grazas a iniciativas particulares, como os cursos de cerámica, a aparición de novos artesáns, e a aprobación dun centro de deseño e promoción da olaría tradicional no concello de Sober. Na actualidade a variedade e grao de orixinalidade das pezas é maior, partindo polo xeral das vellas formas tradicionais. De terras ourensás é a olaría de Niñodaguia, do concello de Xunqueira de Espadanedo.

Aínda que desapareceron talleres, quedaron algúns fornos de artesáns que producen fermosos recipientes cun punto de creatividade para adaptarse ás demandas do mercado, convivindo co potente sector da cerámica industrial. Escollen os artesáns unha arxila propia da zona, de ton branco, que logo cobren cun peculiar verniz amarelo ou alaranxado. A “Asociación de Alfareros de Niñodaguia” organiza no mes de agosto unha exposición acompañada de actividades culturais, co fin de promover o coñecemento deste tipo de produtos.