Igrexa de San Martiño de A Cova

Igrexa-capilla

Actualmente só se conserva a igrexa románica. Foi Mosteiro de cóengos regulares de San Agustín entre os séculos XIII e XIV. Aparece como priorado dependente da catedral do Lugo, suprimido en 1824 e posteriormente relegada a actual igrexa parroquial despois de poxarse os seus bens coa Desamortización de Mendizábal. 

Na fachada principal ábrese unha porta con arco de medio punto con arquivoltas sobre tres partes de columnas en cóbado e rosetas de catro follas no exterior. Os capiteis decóranse con motivos vexetais e entrelazos. O tímpano liso apóiase en mochetas con decoración xeométrica. Sobre a porta sinxela saetera. A fachada remátase cunha espadana románica, con dous vans semicirculares que albergan cadansúas campás, na parte superior destaca outro van máis pequeno.

O muro norte percórrese cunha imposta lisa a media altura cunha porta de tímpano liso, con mochetas lisas e dúas seteiras. O tornachuvias está sostido por canzorros lisos ou con decoración xeométrica. No muro sur a organización é similar. A porta actualmente está tapiada e a sancristía está unida. A ábsida divídese en tres tramos con semicolumnas.

A cuberta interior con nave única de madeira a dúas augas e ábsida con bóveda de canón apuntado e cascarón. Está remarcado por un arco triunfal apuntado e dobrado que se apoia en semicolumnas apoiadas con capiteis de ornamentación vexetal.

No interior observamos dous retablos laterais de época barroca. O da esquerda cunha representación de Cristo Crucificado de gran tamaño. No da dereita a imaxe da Virxe das Neves.

Consérvanse as pinturas do século XIX con decorados teatrais e a representación da Santísima Trindade.

En canto á advocación da igrexa, algúns autores aluden a miúdo á superposición e ás veces confusión na zona entre San Martín de Dumio e San Martín de Tours. No caso deste último, nado en Panonia, enrólase moi novo no exército. No século IV encóntrase cun pobre que lle pide esmola tremendo de frío e el parte a súa capa á metade e entrégalla. Cristo aparéceselle en soños para agradecerlle o seu acto de caridade, facendo así que se converta e abandone o exército. No 370 será elixido Bispo de Tours. Alí durante a Idade Media custodiouse a súa capa como unha das reliquias máis veneradas da cristiandade. Os reis merovinxios convertérona no seu emblema dinástico e nacional. O recinto en que esta estaba gardada deu orixe á palabra “capela”. Era patrón de soldados e cabaleiros, así como dos xastres. A súa festa está moi ligada á zona. Ao redor do 11 de novembro os veciños de Ribeira Sacra afánanse nos magostos degustando castañas e viño; costumes ligados tamén ao santo en Francia. Celébrase a chegada do inverno e adoitaba facerse coincidir a súa celebración co cobro de determinados tributos e arrendamentos.

Información e contacto

Enderezo

Seoane, 37, 27548 O Priorato

O Saviñao

27556 Lugo

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde

Accesibilidade

En coche
En bicicleta
Cómo chegar Cómo chegar