Galería
Galería

Igrexa de Santa María de Pesqueiras

Igrexa-capilla

Entre bosques centenarios, remisa a desaparecer da historia, a igrexa de Santa María de Pesqueiras é outra das xoias do románico que atesoura a Ribeira Sacra.

Ás beiras do Miño, co encoro de Belesar aos seus pés, orgullosa móstranos as súas influencias Mateanas, que seguro este río transportou. Antigo mosteiro feminino pertencente á orde beneditina, Santa Mª de Pesqueiras foi outra de tantas que viu marchar ás súas monxas torquinegradas cara a terras de Compostela no ano 1515, condenadas por unha orde e unha reforma que os novos monarcas católicos aplicaron celosamente nas nosas terras.

A igrexa de Santa María de Pesqueiras ten planta de nave e ábsidas únicas, ambas as dúas con teitume de madeira e bóvedas. A súa adaptación ao terreo irregular da Ribeira Sacra fai que teña a súa nave en dous niveis, salvados por unhas xenerosas escaleiras. O altar tamén se remarca en altura.

Tanto na decoración das súas ventás, canzorros … como no arco triunfal que resalta a zona sacra do altar obsérvanse claramente influxos do Mestre Mateo. Na súa maioría con decoración fitomórfica. Os absidiolos da cabeceira, que non se manifestan ao exterior, copian as mesmas fórmulas que a veciña Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño. As ventás alagan de luz o presbiterio, así como as naves. Unha delicada porta sur con dobre arquivolta e dous pares de columnas introdúcenos no templo baixo sogueados, perlados, botóns e pámpanos que, como os cimacios, de novo apuntan a Mateo. Excepto na fachada principal que sufriu reformas, non chegou ata nós a orixinal e conserva o seu campanario. É das poucas igrexas románicas que non viu modificada a súa planta coa adhesión de construcións ou sancristías. A construción desta igrexa datariámola a inicios do século XIII, cando xa as formas e solucións  inventadas por Mateo se desenvolven e evolucionan nas mans de artistas chamados “menores” que poboan o noso rural e difunden unha linguaxe vella pero que se renova.

Perdeuse a imaxe da nosa Señora de Pesqueiras, probablemente da mesma época que a igrexa, século XIII, pero non foi a pedra o material elixido para a súa construción e desapareceu nun incendio. Si podemos aínda gozar das pinturas do século XVI que algún mestre itinerante recibiu o encargo de pintar. Quizais sexa do doante a misteriosa imaxe que desde un lugar privilexiado nos observa no seu medallón, á vez que se inclina ante a impoñente imaxe de María.

En realidade, as pinturas cóntannos unha historia coñecida por todos pero á súa vez xogan entre elas e connosco, con sutís e curiosas mensaxes implícitas que a primeira vista pasan desapercibidas. Estamos ante unha Anunciación curiosamente fragmentada para adaptar ao espazo a representación por un lado, do arcanxo Gabriel e do outro, unha delicada María que irradia serenidade e pureza  en todos os seus detalles. Preside o conxunto o Pantocrátor, Pai Eterno, sostendo a bóla do mundo que coroa cunha cruz, mentres que coa outra nos bendí ou nos advirte. Con tiara tripla e unha colorida capa vermella.

No muro norte a Resurrección tamén se adapta ao espazo dispoñible. Na Ribeira Sacra o “espazo” é un tesouro e a loita pola súa conquista unha quimera presente en todo.

Cristo triunfante cos soldados alleos aos seus pés que adurmiñan e seguen cos seus xogos e actitudes. Burlesco parece tamén o escudo dun deles e caprichosos e significativos os seus tocados e chapeus, que nos levan á corte de Filipe II.

A magnificencia do Xuízo Final, impoñente e aterradora, desprégase polo muro sur. Pero aquí atoparemos o capricho manierista nas poses forzadas e teatrais dos condenados, na maldade dos pecadores … o enxeño e o poder do mal maniféstanse en demos que portan mosquetes, que coa súa esquerda manexan e ameázannos. No lado do mal as cores acéndense, vermellas, terras … e todo é absorbido por unha boca demoníaca. O lado do ben domínao San Pedro celestial que espera e acolle nas súas murallas aos xustos, ordenados e obedientes que camiñan cara a el. Cristo sobre nubes celestiais e anunciado por anxos trompeteiros presídeo e é flanqueado pola súa corte celestial, onde todos sabemos quen é quen a través dos seus atributos, que á súa vez nos lembran o importante e duradeiros que son os nosos actos. Por iso alí está San Miguel como modelo loitando contra o dragón, símbolo do mal, ao que consegue dominar. A mensaxe está lanzada, serás ti un dos afortunados que a lea.

Igrexia de Santa María de Pesqueiras

Ver máis...

Información e contacto

Enderezo

Pesqueiras (Santa María)

Chantada

27516 Lugo

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde

Accesibilidade

En coche
En bicicleta
Cómo chegar Cómo chegar