Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

San Miguel de Eiré

Igrexa-capilla

Un dos exemplares máis interesantes do románico da Ribeira Sacra e de Galicia é, sen dúbida, a igrexa de San Miguel, coñecida popularmente como “O Mosteiro”.

Pertenceu a un antigo mosteiro beneditino fundado por Escladia Ordoñez no século XII,  que perde a súa independencia en 1507 coa reforma que ordenaron facer nos mosteiros galegos os Reis Católicos. As súas rendas pasaron ao Hospital Real de Santiago e as súas monxas foron recluídas no mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela.

Do antigo mosteiro só conservamos a igrexa románica, que pertence á segunda metade do século XII.

A súa planta é dunha gran sinxeleza: unha soa nave con ábsida semicircular. Entre a nave e a ábsida temos outra nave transversal, sobre a que vai asentada unha torre rectangular, cuberta ao catro custados, e que fai do conxunto un dos exemplares máis orixinais do románico galego.

A porta norte é unha das pezas máis interesantes da igrexa. Formada por un  arco de medio punto e pequenas proporcións. A chambrana está decorada con axadrezado. Ten doce doelas, once delas decoradas cunhas rosetas, decoración pouco habitual en Galicia, e na clave está un Agnus Dei. O tímpano é moi sinxelo e presenta unha decoración xeométrica cuns círculos entrelazados.

Se algo nos chama a atención nesta porta son as súas mochetas, decoradas cun tetramorfos de orixinal iconografía. Á dereita temos dúas figuras con cabeza humana e corpo animal. A que atopamos cara ao interior ten pezuños e cornos, e sobre a súa cabeza aparece escrito “LU”. Ao seu lado, a cabeza humana ten corpo animal con garras e sobre a súa cabeza aparece escrito “MA”. Sería a representación dos evanxelistas Lucas (co seu atributo ao boi) e Marcos (co seu atributo ao león). En fronte, teriamos a representación curiosa de Xoán e Mateu. Temos unha cabeza humana con ás (Xoán e o seu atributo á aguia) e para representar a Mateu (home) déixanos unha man sobre o queixo desa cabeza.

No seu interior atopamos pezas interesantes, como unha ventá xeminada con arcos de ferradura que nos falan dun templo anterior, ou a súa pila bautismal. Conserva restos de pinturas murais do século XVI, representando un Xuízo Final.

Conserva ademais variedade de capiteis e canzorros con interesante iconografía que deron lugar a numerosas interpretacións.

Para chegar á igrexa de San Miguel desde Ferreira de Pantón hai que tomar a estrada que vai cara a Escairón. En apenas cinco minutos veremos o desvío á dereita que nos levará directamente á igrexa.

 

 

San Miguel de Eiré

Información e contacto

Enderezo

O Mosteiro

Pantón

27439 Lugo

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde

Accesibilidade

En coche
En bicicleta
Cómo chegar Cómo chegar