Galería
Galería

Santo Estevo de Ribas de Miño

Mosterios

As primeiras fontes que se coñecen sobre este antigo mosteiro refírense a un inventario da Mitra de Lugo do século XII, sendo doazón, segundo aquí consta, de Dona Urraca Fernández.

O máis destacado do edificio actual é a súa adecuación ao terreo, sendo necesario rebaixar a ladeira, así como construír unha cripta para soster os pés do templo; unha solución nova que presenta en Galicia o mestre Mateo a través da cripta da catedral de Santiago. Sen dúbida son moitos os elementos que nos remiten á arte de Mateo nesta igrexa.

Articúlase interiormente nunha soa e ampla nave, con catro tramos coas súas ventás e con cuberta de madeira e arcos diafragma apuntados lixeiramente que cargan sobre columnas entregas. Seguramente se considerou inicialmente unha cuberta de pedra que non chegou a realizarse. A ábsida reflicte tamén influencias da Catedral de Ourense. Cuns curiosos rosetóns con trazaría xeométrica que achegan máis luz ao interior. A bóveda de crucería apóiase en ménsulas. Tamén os tres nichos semicirculares remítennos a Ourense e repítense en Pesqueiras. Esveltos contrafortes reforzan exteriormente a nave, deixando patente a elegancia e forza nas súas proporcións. Os canzorros non se decoran; a decoración resérvase para ventás e portas, especialmente a porta principal que domina o val, así como a porta sur.

Os capiteis enriquécense con motivos vexetais, eixos perlados e puntos trepanados chegados de Portomarín e que nos atopamos tamén na veciña Igrexa de Pesqueiras. Tamén como en Portomarín están presentes dúas escaleiras interiores de caracol que nos permiten ascender ao ándito diante do gran rosetón da fachada principal, considerado como dos máis grandes de Galicia.

Se algo debemos destacar é a súa mateana fachada principal. O Pórtico da Gloria sen dúbida é referente e modelo non só en formas, senón tamén en solucións. Sobre a cripta inferior estrutúrase a fachada en tres vans que non se corresponden coa organización interior da nave. Un tornachuvias con canzorros nos que se apoian arcos de medio punto divide á súa vez en dous a fachada, separando o gran rosetón calado con círculos e alargados pentágonos.

Arquivoltas, capiteis, fustes, xambas, mochetas,… remiten de novo a Portomarín. Destaca a elección de mármore para os fustes das columnas e elementos nobres, a diferenza do granito do resto da edificación.

Arquivolta exterior común no tres vans, con representación de “uvas” ou “piñas” segundo as diversas teorías. No van central abundan as arquivoltas decoradas con motivos vexetais que remiten a formas posibles da flora da zona. Pero destaca a arquivolta interior con decoración de figuras seguindo o modelo do Pórtico da Gloria, que evoca á orquestra celestial xa que algúns portan instrumentos musicais. Dous deles levan un Sol e outro unha Lúa, como referencia ao Mundo Terreal.

Merece á súa vez mención especial a Epifanía que se conserva no interior na actualidade. Provén da recuperación de varias pezas atopadas con motivo de restauracións recentes. Por unha banda, os Magos, que foran reutilizados como pavimento da igrexa, e a figura sedente Nosa Señora achada no atrio na década dos anos corenta.

A virxe sostén o Neno no seu colo mentres que na man dereita sostén unha especie de mazo rematado nunha alcachofa. Él vólvese para recibir o agasallo que lle ofrece o primeiro dos Magos que, axeonllado, leva a man á cabeza para quitarse a coroa como mostra de submisión e respecto. Os outros dous, de pé, esperan a súa quenda e é incrible a similitude que mostran cos magos da portada da Corticela, na Catedral de Santiago. A imaxe da virxe conserva trazas de policromía que se perdeu no caso do Reis Meigos.

Tamén podemos admirar unha preciosa e orixinal pía bautismal románica con decoracións xeométricas moi peculiares.

No exterior, sorpréndenos un curioso campanario sobre unha rocha próxima, aínda que, sen dúbida, é froito de reformas posteriores.

Non o perdas!

Ademais deste mosteiro, existen outros na Ribeira Sacra igualmente icónicos do lugar e do estilo románico que caracterizan a zona. Dous exemplos poden ser o de San Paio de Diomondi ou San Vitorio de Ribas de Miño, cuxa visita vos recomendamos.

Mosterio de Santo Estevo de Ribas de Miño

Ver máis...

Información e contacto

Enderezo

Santo Estevo de Ribas de Miño (Santo Estevo)

O Saviñao

27594 Lugo

Teléfono contacto
982 452 061

Equipamento e servizos

WC
Aparcamento

Accesibilidade

Cadeira de rodas
En coche
En bicicleta
Mobilidade reducida
Discapacidade visual
Cómo chegar Cómo chegar