Itinerario de Interés Paisaxístico Soutochao - Penedos de Castro

Este Itinerario de Interese Paisaxístico transita as sinuosas pero fermosas estradas que seguen o curso do río Sil nun percorrido duns 48 quilómetros, marcados por unha espectacular paisaxe de viñedos, bosques de castiñeiros e as verticais paredes rochosas do Canón do Sil.

SOUTOCHAO - PENEDOS DE CASTRO

Comezamos en Souto Chao (Sober) cunha das mellores vistas que se poden ter do cultivo de vides en socalcos, xa que todas as ladeiras do lado lucense están ocupadas por viñedos de gran inclinación.

Na outra beira do río, cara onde nos dirixiremos no percorrido, podemos ver impresionantes e vizosos bosques autóctonos, principalmente de carballos, piñeiros e castiñeiros.

O Itinerario levaranos por lugares como a viña da Cortezada, Cristosende, San Adrián, Entrambosrrios e Cabezoás, ata chegar ao remate nun miradoiro espectacular, Penedos de Castro, que, como o seu nome indica, se atopa nun promontorio onde antigamente había un castro. Actualmente, desde as súas rochas, podemos ver o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en todo o seu esplendor, rodeado de fermosos soutos e o río Sil no fondo do val.