Audioguía
Audioguía

Canón e Ribeiras do Sil

O Canón do Sil é, sen dúbida, un dos elementos máis importantes de Ribeira Sacra. Esta profunda garganta de rocha, auga e sinuosas curvas non deixa indiferente a quen a contempla. As súas verticais pendentes traballadas dende antigo, seguen sendo hoxe en día o sustento de moitos habitantes da zona, que sobre elas producen unha uva de excelente calidade. Esta paraxe é tamén refuxio de múltiples especies animais e vexetais, que atopan entre estas paredes e nas súas augas as condicións que precisan para a súa existencia.

Entre as provincias de Lugo e Ourense, a pouco máis de douscentos metros de altura, atópase o tramo final do río Sil. Aos seus laterais, e ao longo de máis de trinta e cinco quilómetros levántanse dúas paredes que nalgunhas zonas elévanse ata case cincocentos metros en vertical sobre as súas augas.

 Estas ladeiras guían ao río a través de amplas curvas e meandros, que forman algúns dos recunchos máis máxicos de toda Galicia.

Aínda que despois destas liñas o lugar poida parecer inhóspito, a realidade é moi distinta. Esta zona foi traballada desde antes da chegada dos romanos, aínda que é certo que foron eles os que comezaron a desempeñar o arduo labor de traballar as vides nas ladeiras do Canón.

Centos de anos despois foron monxes eremitas os que, buscando lugares tranquilos e apartados que convidasen o rezo, asentáronse nestas ladeiras. Isto levou máis adiante á fundación de grandes mosteiros e tamén ao cultivo da vide, producindo viños de excelentes calidades.

O viño foi sempre o principal motor económico da zona, pero por que cultivar viñedos nunha zona tan escarpada e de difícil acceso? A resposta téñena as especiais características destas ladeiras, como a súa gran inclinación, a súa orientación ou o microclima da zona que forman un lugar idóneo para a produción dun gran viño.

Pero non só as persoas deron conta das marabillas deste Canón, senón que tamén a fauna e a flora soubo aproveitar esta contorna para o seu proveito. Carballos e castiñeiros atopan nas zonas máis frescas e agrestes destes vales un lugar idóneo para medrar entre grandes rocas de granito, mentres que especies como as sobreiras ou os érbedos crecen en zonas máis tranquilas e resgardadas.

Esta mestura entre especies atlánticas e mediterráneas nun mesmo territorio é unha mostra do característico microclima que se forma neste val.Por outra banda tamén hai citas de animais como grandes rapaces, exquisitas na elección dos seus hábitats.

Ademais, esta orografía abrupta tamén se aproveitou para a produción de enerxía hidráulica, existindo ao longo do Canón varios encoros que fan que a auga do Sil descenda tranquila e sexa transitable por embarcacións. De feito, unha das mellores maneiras de coñecer o Canón do Sil é, sen dúbida, a bordo dalgún dos catamaráns que percorren as súas augas.

Non o perdas!

Para unha completa visita recomendámosvos visitar algún dos numerosos miradoiros que atoparedes por toda a beira do canón, onde poderedes desfrutar de fantásticas panorámicas. Tamén é posible navegar polas augas do Sil nun kaiak, ou máis comodamente nalgún dos catamaráns que o percorren, sen dúbida ofrecen unha perspectiva única. Ademais poderedes probar algún dos viños que aquí se producen, moitas das bodegas da zona ofertan degustacións e visitas guiadas polas súas instalacións. Por último animámosvos a descubrir algún dos mosteiros que se agochan misteriosos entre a vexetación.

Moito que facer

¿Que podemos facer no Canón do Sil? A variedade de opcións é moi ampla, así que imos tentar poñérvolo máis fácil. Se queredes coñecer en profundidade a historia e natureza da contorna recomendámosvos realizar algunha das rutas de sendeirismo que vos propoñemos, visitar unha ou varias das adegas onde vos explicarán todo sobre o viño da zona, admirar a beleza dos mosteiros que aquí se atopan e por último ter outra perspectiva do Canón a través dunha viaxe en catamarán

Explora o mellor do Canón do Sil