Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel
O Xeoparque Montañas do Courel é o escaparate perfecto para observar unha parte da historia xeolóxica do planeta Terra, concretamente o Paleozoico inferior e medio, e en menor medida tamén finais do terciario e o cuaternario.
Este territorio, que abarca os límites xeográficos dos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil (577,85 km2), na zona oriental de Ribeira Sacra, figura desde 2019 na listaxe de Xeoparques Mundiais da UNESCO*.
O fundamento principal para obter tal recoñecemento foi a importante relación que existe entre a xeoloxía e o ser humano neste territorio; o Xeoparque Montañas do Courel atesoura un valioso patrimonio xeolóxico que inclúe rochas, minerais, fósiles e estruturas xeolóxicas e unha paisaxe actual dominada por vales fluviais e glaciares, que o ser humano soubo aproveitar desde hai máis de 4.000 anos.
Xeológicamente, e como se mencionaba, estamos ante un territorio moi rico. Aínda que, unha das xoias xeolóxicas máis destacables do Xeoparque Montañas do Courel é, sen dúbida, o pregamento de Campodola-Leixazós. Declarado como Punto de Interese Xeolóxico de rango internacional desde o ano 1983, está considerado hoxe en día como un dos puntos de xeoloxía estrutural máis importantes de España e Europa. Trátase dun espectáculo natural que soamente se pode contemplar en contados lugares do mundo.
O pregamento de Campodola-Leixazós móstranos, a primeira ollada (isto é o inusual, xa que xeralmente estas formacións están baixo terra), o que ocorreu baixo a codia terrestre nos últimos 500 millóns de anos. Para observar este e outros espectáculos xeolóxicos, o Xeoparque conta cunha ampla rede de “xeomiradores”, que podedes atopar no mapa máis abaixo.
Por outra banda, e en canto ao aproveitamento humano dos recursos xeolóxicos refírese, destaca o paso dos romanos por este territorio. Este pobo asentouse no territorio do Xeoparque para a extracción de ouro, chegando a contar con máis de cen explotacións auríferas nesta área. A día de hoxe, aínda son visibles algunhas das súas obras como a mina de O Covallón, as minas de Margaride ou o Túnel de Montefurado, entre outros.
Máis adiante, a extracción doutros minerais, como o ferro, tomaron forza. Desenvolveuse durante a Idade Moderna unha importante industria siderúrxica neste territorio; chegando a contar con ata 15 ferrerías (8 delas no municipio de Quiroga). A finais do XIX, as ferrerías caeron en declive e comezouse a extracción doutros minerais como antimonio e o chumbo. No Xeoparque Montañas do Courel atópase unha das minas de antimonio máis importantes de España, a de Vilarbacú.
Xa máis preto dos nosos tempos, durante o século XX, contaron con especial relevancia a explotación doutros minerais como a calcaria (da súa calcización obtense o cal) e a lousa.
Todas as peculiaridades do Xeoparque Montañas do Courel e as súas xentes poden descubrirse nos museos Xeolóxico e Etnográfico de Quiroga e no Museo da Minería Aurífera de Ribas de Sil .
* Que é un Xeoparque? O Foro Español de Xeoparques defíneo como “Un xeoparque é un territorio que contén tanto un patrimonio xeolóxico singular como unha estratexia de desenvolvemento propia. Ten uns límites claramente definidos e unha superficie suficiente para que poida xerar o seu propio desenvolvemento económico. Non é unha figura de protección xeolóxica nin o pretende –aínda que desde os xeoparques se poida contribuír á protección do patrimonio xeolóxico–; de feito, os Xeoparques interésanse tanto na calidade de vida dos seus habitantes como na súa riqueza xeolóxica”.