Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Artesanía e comercio artesanal

Os traballos populares que perduran na bisbarra foron adaptándose a novas funcións, que máis teñen que ver coa valoración da calidade e beleza das pezas que coa necesidade práctica para a vida cotiá. Isto é o que pasa coa elaboración de cestos de vimbio ou cerámica, ou obxectos de latón.

No seu día moitos servían para os traballos da recolección da uva, almacenamento do viño, ou elaboración da augardente, pero hoxe son máis ben apreciados desde o punto de vista estético, como obxectos de decoración. As mudanzas na sociedade e nos obxectos que a acompañan fixeron que moitos destes oficios se foran perdendo nas últimas décadas, pero recentemente o movemento de recuperación e valoración destes é cada vez máis intenso.

Arredor do viño e derivados da uva foise establecendo unha tradición hoxe case perdida do traballo do latón e cobre, que en concellos como os de Lemos, Sober e Portomarín foi ben importante. Con estes metais realizábanse as alquitaras, ou alambiques, obxectos de orixe árabe cos que se fai a destilación da augardente. Os cambios na normativa de saúde pública e a propia evolución do sector fixo que a produción caseira desta bebida, coa famosa figura do augardenteiro ambulante, deixara de ser habitual en Ribeira Sacra, igual ca no resto de Galicia.

Consérvanse tradicións en Chantada como o traballo de tecedeiras e zoqueiros, ademais do dos cesteiros, que deron lugar ás xerras de Bergaza, aproveitando plantas do vimbio co que tamén se extraía a materia prima para armar as viñas.

En Quiroga, prodúcese hoxe aceite puro de oliva sen refinar, a partir de olivas da zona. A produción artesanal deste aceite destaca polo seu carácter excepcional, sendo caso único en Galicia.

Pero sen lugar a dúbidas, é a olaría o oficio tradicional máis relevante tanto pola calidade dos seus produtos como porque se souberon adaptar ás novas funcións, creando unha imaxe de calidade recoñecida fóra destas bisbarras. Os centros de Gundivós (Sober) e Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), son lugares dunha produción moi loada.

De menor relevancia que a olaría pero sen menosprezar a súa importancia podemos nomear aos afiadores, oficio propio da terra destacado nas zonas de Esgos e Nogueira de Ramuin, cuxa función se baseaba en afiar coitelos e arranxar paraugas así como outros obxectos que a xente lles levaba cando escoitaban a súa inconfundible chamada.

Ver máis...

Visita os museos onde admirar os traballos artesanais