Percorridos recomendados
Se estades a buscar ideas e recomendacións para a vosa viaxe a Ribeira Sacra, chegastes ao espazo correcto!
Ben seguro que vos déstedes conta de que Ribeira Sacra é un territorio moi amplo e por iso, a planificación da viaxe vólvese en ocasións complicada... Para axudarvos con este aspecto, creamos este espazo onde vos mostramos unha selección de percorridos recomendados; elaborados para que poidades coñecer os "indispensables" de Ribeira Sacra, e para que independentemente dos días de estancia no noso destino, poidádesvos levar unha visión xeral do mesmo.
Os percorridos propostos están pensados para que se poidan realizar durante calquera época do ano, xa que teñen en conta aspectos como as horas de luz. Por ese motivo, se o percorrido se realizase durante o verán, por exemplo, é probable que poidades engadir máis paradas ás descritas (en cada un dos percorridos amplíase información).
Nos percorridos tamén temos en consideración outros aspectos como os horarios de apertura dos monumentos* ou o lugar e tempo necesario para o xantar**. Por esa razón, aconsellamos que se respecten na medida do posible os tempos de estancia aplicados a cada recurso, así como que se comecen os roteiros entre as 9:00 e as 10:00 da mañá desde o punto indicado.
Ademais, tentamos que nos diferentes itinerarios dun día non se repitan espazos (agás as rutas tematizadas - románico, miradoiros, mosteiros, vitivinícolas,...-, as cales si repiten espazos con respecto ás xenéricas). Deste xeito, podedes combinar os percorridos se a vosa estancia en Ribeira Sacra é superior a un día.
* Aínda así, recomendamos sempre revisalos previamente, xa que é un parámetro que pode diferir en momentos puntuais do ano.
** Non é posible atopar restaurantes en calquera lugar de Ribeira Sacra, xa que, por norma xeral, adoitan concentrarse en determinados puntos en concreto. Os roteiros están planificadas para facer coincidir as horas do xantar nos devanditos puntos.