Viticultura

Do cultivo da vide en Ribeira Sacra dise que foi implantado polos romanos e recuperado durante a Idade Media polos monxes. Dise tamén que era tal a importancia do viño cultivado aquí que ata os Césares o demandaban. Sexa como for, o legado continúa e hoxe en día segue sendo o sustento de moitos dos nosos habitantes.

Os viños elaborados en Ribeira Sacra contan con Denominación de Orixe desde 1996 e actualmente son recoñecidos a nivel mundial tanto pola súa calidade como pola dificultade que entraña o seu cultivo.  

A maior parte dos viñedos en Ribeira Sacra precipítanse sobre as ladeiras dos ríos Miño, Sil, Cabe e Bibei, cunhas pendentes que poden chegar nalgúns puntos ao 100%. Esta particularidade e a case ausencia de mecanización no proceso de cultivo e recolección, fan que se coñeza a esa dificultosa tarefa como viticultura heroica; un selo que soamente o 5% da superficie vitivinícola mundial ostenta.

Existen moitas formas para achegarse a esta particular forma de cultivo e coñecer todas as súas peculiaridades. Desde as propias visitas a adegas, a maioría delas familiares, os miradoiros sobre os viñedos ou a propia Ruta do Viño da Ribeira Sacra, unha agrupación de empresas e organismos a través da cal descubrir e desfrutar da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.