Ribeiras do Miño
As ribeiras do Río Miño ao seu paso por Ribeira Sacra, ofrecen unha paisaxe apracible de bosques caducifolios alternados con extensións de viñedos. O río serpentea formando numerosas curvas e creando característicos meandros.
No sudeste da provincia de Lugo, atópase unha das zonas máis singulares do río Miño. Co paso do tempo e grazas a erosión e aos movementos xeolóxicos, o Río Miño discorre neste territorio encaixado entre ladeiras pronunciadas.
As ladeiras do Miño adícanse ao cultivo da vide, alternadas en función da súa orientación con bosques caducifolios e plantacións de piñeiros. Ao igual que acontece noutras zonas dos arredores, a produción de viño neste lugar foi sempre de gran importancia. En moitos viñedos atoparemos pequenas bodegas construídas en pedra, que agochan os deliciosos viños que aquí se producen. Cando o outono fai presencia, os cores dos bosques e os viñedos conseguen crear unha paisaxe realmente fermosa.
Pero non todo o destacable das Ribeiras do Miño se atopa sobre o nivel da auga, xa que, baixo elas, existen numerosas aldeas que foron anegadas despois da construción dos encoros de Belesar e dos Peares. Nalgúns casos, os edificios máis importantes destas poboacións foron transportados pedra a pedra outeiro arriba para poder conservalos.
É posible coñecer case todos os recunchos desta paraxe de múltiples maneiras, xa sexa en coche, camiñando ou a través dunha tranquila viaxe en catamarán para contemplalo dende dentro.
Non o perdas!
Para unha viaxe completa recomendámosvos visitar algún dos miradoiros que se atopan na zona, como o da Cova, dende o que teremos unha inmellorable panorámica do Cabo do Mundo, un gran meandro que describe o Miño.
Tamén vos recomendamos a visita á vila de Portomarín, a cal foi trasladada do seu emprazamento orixinal pola subida do nivel das augas cando se construiu o encoro. Cando o caudal do río é baixo, é posible ver as antigas construcións desta vila.
A vila de Chantada ou a Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño son outros dos lugares nos que sentiredes a maxia de Ribeira Sacra.
Moito que facer
¿Que podemos facer nas Ribeiras do Miño? A variedade de opcións é extensa, así que imos tentar poñérvolo máis fácil. Se queredes coñecer en profundidade a historia e natureza da contorna recomendámosvos realizar algunha das rutas de sendeirismo que vos propoñemos, visitar unha ou varias das adegas onde vos explicarán todo sobre o viño da zona ou admirar a beleza dos mosteiros e igrexas románicas que aquí se atopan. Por último, para ter outra perspectiva do Canón recomendámosvos unha viaxe en catamarán.