Árbores senlleiras
Coñécese como árbores senlleiras a aquelas especies que son consideradas reliquias botánicas, tanto polo valor simbólico que lle dan os propios habitantes do lugar ou pola súa importancia científica, cultural, didáctica, paisaxística ou ornamental. Trátase en realidade dunha figura de protección da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo a conservación tanto de exemplares concretos como de formacións arbóreas máis amplas, as cales posúen características extraordinarias ou destacables (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza, etc.)
As árbores son algúns dos seres vivos máis grandes e máis vellos do planeta. Algunhas destas árbores destacan pola súa rareza, elevada lonxevidade, historia ou polas súas dimensións. Son auténticos monumentos que viviron guerras, incendios, tallas, xuramentos e rendicións. Na antigüidade eran obxecto de respecto e veneración, pois eran case deuses aos que se encomendaba a sorte dos pobos. Pois o ser humano sempre tivo unha especial predilección polas árbores, e o concepto de árbore singular, entendido tanto como árbore sacra ou destacada, era xa coñecido desde a antigüidade.
Aspectos como a lonxevidade ou o tamaño foron obxecto de estudo para moitos investigadores ao longo da historia. Malia iso, as primeiras iniciativas de protección non naceron ata finais do século XIX. Os Estados Unidos de América foron os primeiros en tomar as rendas nesta cuestión, iniciativa que non chegou a España ata a década dos 70 do pasado século. A día de hoxe, a maioría das Comunidades Autónomas conta co seu propio Catálogo de Árbores Senlleiras.
A elaboración destes catálogos, xeralmente, supón a creación dunha normativa específica de protección e, en moitos casos, a consecución de medios técnicos, económicos e humanos para asegurar a conservación e protección das árbores senlleiras incluídas no correspondente catálogo. No caso de Galicia, A Xunta deu un paso importante na protección deste patrimonio natural particular coa creación e regulación do Catálogo galego de árbores senlleiras, a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, posteriormente modificado polo Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, polo que se establece réxime xurídico básico das árbores e formacións incluídos neste catálogo, co fin de protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo así a súa conservación.
Neste apartado queremos salientar todos aqueles exemplares dentro dos límites territoriais de Ribeira Sacra que pertencen ao xa mencionado Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
Guía de boas prácticas para contemplar unha árbore senlleira:
- Non subas á arbore, pois o paso e o peso de miles de persoas poden chegar a deteriorala.
- Se ves raíces ao aire, procura non pisalas. É importante que non se achegue moita xente á contorna da árbores, pois o peso pode compactar o chan e dificultar a aireación das raíces.
- A casca protexe a parte viva da árbore, que se atopa inmediatamente debaixo. Non a deteriores con inscricións, sinais ou marcas.
- Non cortes ou danes a árbore. Pensa que durante centos e incluso miles de anos permaneceu aí.
- Respecta os sinais ou indicacións que haxa na zona. Algunhas destas árbores son monumentos vivos de extrema fraxilidade e necesitan o máximo coidado.
- Coida ao máximo a contorna. Non consintas que ninguén ensucie ou contamine a zona.
- Lembra que algunhas destas árbores e formacións están en propiedades privadas, as cales debes respectar en todo momento durante a túa visita.