Camiño de Inverno
A través deste tramo do Camiño de Santiago de Inverno descubriremos moitos dos segredos que Ribeira Sacra esconde ao longo do seu percorrido. Rechamantes paisaxes, pobos que aínda conservan a súa esencia rural máis pura ou antigas igrexas e mosteiros son só algúns dos atractivos desta antiga variación do Camiño Francés.
Cando chegaba o inverno e as nevadas cubrían os próximos montes dos Ancares e o Cebreiro, os camiños quedaban pechados pola neve, e os viaxeiros que se dirixían a Compostela debían buscar alternativas na súa peregrinación. Moitos deles, que desde toda Europa percorrían o Camiño de Santiago Francés, detíñanse durante o inverno en Ponferrada, mentres que outros optaban por seguir o curso do río Sil para entrar en Galicia. Este camiño levábaos polo Canón do Sil a través de distintas poboacións, como o Barco de Valdeorras, a Rúa ou Quiroga, evitando así as altas cumes que se atopaban nevadas. Máis adiante ascendían ata chegar a Monforte, de onde pasaban ata Chantada. Despois cruzaban a Serra do Faro e finalmente, tras pasar por Lalín e Silleda, chegaban ao seu destino en Compostela.
Este itinerario non debe entenderse como unha ruta de sendeirismo. Trátase de un percorrido de longa distancia no que é preciso planificar a loxística da viaxe. É moi recomendable o emprego dun dispositivo GPS no que levar almacenado o track da ruta.
Na actualidade os peregrinos poden igualmente escoller que camiño facer unha vez chegan a Ponferrada. De escoller a opción do Camiño de Inverno, percorrerán ao longo da Ribeira Sacra, un total de catro etapas.
A primeira delas, que é a primeira en atravesar os límites das nosas terras, é a que ten inicio na Rúa e chega hasta Quiroga. Esta é unha etapa de baixa dificultade e de 28 quilómetros de lonxitude. Acompaña ao río Sil durante gran parte do seu percorrido e pasa polo coñecido como Túnel de Montefurado, unha gran obra da enxeñaría romana. En Quiroga poderemos visitar o seu Museo Arqueolóxico.
A segunda etapa une as poboacións de Quiroga e Monforte de Lemos, atravesando o municipio da Pobra do Brollón. Ten unha lonxitude total de 33 quilómetros e unha dificultade de moderada a elevada, xa que sálvase un desnivel considerable ao ascender dende as beiras do Sil ata Monforte. Na Pobra do Brollón, o peregrino entrará no municipio pola ponte e calzada romana da Barxa e no transcurso do camiño poderá deleitarse coas obras de arte que salpican o trazado (murais no núcleo do concello e o esgrafiado "O Camiño das Estrelas", en Rairos) ou achegarse ata o Castro de San Lourenzo, un asentamento castrexo de principios da nosa era. Ao final da etapa, en Monforte, o peregrino pode visitar o mosteiro, o pazo condal e a torre da homenaxe, conxunto coñecido co nome de San Vicente do Pino e que é un Parador Nacional.
Na terceira etapa, o peregrino camiñará dende Monforte ata Chantada, atravesando Pantón, a través dunha distancia de 31,6 quilómetros. A capitalidade deste último municipio conta co único mosteiro habitado de maneira interrompida de toda Ribeira Sacra. Ao longo deste percorrido séguese en gran parte unha antiga calzada romana. A dificultade deste tramo considérase como media, existindo unha zona de 2,5 quilómetros onde hai un gran desnivel. Durante esta etapa o peregrino poderá visitar numerosas mostras do patrimonio románico da zona así como os pintorescas paisaxes da ribeira do río Miño.
Na última etapa do Camiño de Inverno polas nosas terras, o peregrino avanzará dende Chantada ata a poboación de Rodeiro. Este tramo ten unha lonxitude de 26 quilómetros e unha dificultade considerada como media. Os peregrinos ascenderán dende a capital chantadina ata a ermida da Nosa Señora do Faro, situada nunha das partes máis altas desta serra que separa as provincias de Lugo e Pontevedra.
Dende aquí só restan outras tres xornadas máis ata chegar a Santiago de Compostela, pasando previamente polas poboacións de Lalín e Silleda.
Non o perdas!
Recomendámosvos a visita a cada unha das poboacións polas que pasa o Camiño de Inverno, xa que todas elas teñen algún lugar interesante que descubrir. Nas súas oficinas de turismo e nesta web poderedes atopar mais información sobre eles.