Programa piloto apertura de igrexas románicas

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Diocese de Lugo, pon en marcha un programa piloto para a apertura dunha selección de igrexas románicas. Esta iniciativa busca ofrecer unha solución sostible a medio e longo prazo, adaptable en función dos resultados e a valoración dos visitantes.

A Ribeira Sacra alberga unha das maiores concentracións de arte románico rural de Europa, o que a converte nun destino de gran valor patrimonial e cultural. As súas igrexas destacan non só pola súa impoñente arquitectura exterior, senón tamén pola riqueza dos seus interiores, onde se conservan valiosas pinturas murais, retablos e outros elementos artísticos de gran interese. Con todo, na provincia de Lugo, a dispersión xeográfica destes templos limitan a súa accesibilidade ao público.

Para facer fronte a esta situación, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Diocese de Lugo, pon en marcha un programa piloto que facilitará abrir ao público unha selección de igrexas nesta provincia. Esta iniciativa busca ofrecer unha solución sostible a medio e longo prazo, adaptable en función dos resultados e a valoración dos visitantes.

A data de inicio do proxecto será o sábado 12 de abril e estenderase ata mediados do mes setembro con aperturas semanais as igrexas de San Pedro de Bembibre (Taboada), San Xoan da Cova (Carballedo), San Miguel de Eiré e San Vicente de Pombeiro (Pantón), San Xillao de Lobios e San Vicente de Pinol (Sober), Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) e Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao).

A Diocese de Lugo, propietaria de bens de diversa índole no territorio de Ribeira Sacra é responsable do mantemento dos bens anteriores e do persoal ao seu cargo. Labor que realiza mediante fondos propios e tamén procurando a colaboración das administracións civís en cumprimento da normativa de patrimonio cultural vixente.

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra asume, pola súa parte, con cargo ao “Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua” (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NEXTGENERATIONEU),  o custo económico do proxecto. En concreto, os gastos do persoal encargado de abrir as igrexas  e de recibir aos visitantes, os gastos de deseño gráfico, maquetación e produción dos soportes de comunicación, a contratación de publicidade, etc.

A reserva do acceso poderá realizarse a partir do vindeiro luns a través desta mesma páxina e terá unha tarifa base de 2€ por persoa, destinados a contribuir ao sostemento dos gastos de conservación e mantemento das igrexas. O proxecto piloto contempla diversas condicións de gratuidade e posibles bonificacións para grupos. O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra será responsable da organización das visitas, garantindo a correcta atención aos visitantes e a coordinación coa Diocese de Lugo e as parroquias locais.

Con esta iniciativa, a Ribeira Sacra dá un paso mais na posta en valor do seu excepcional patrimonio románico na provincia de Lugo, facilitando o seu acceso a visitantes e promovendo un turismo cultural sostible e respectuoso coa contorna.

As igrexas incluidas neste programa son as seguintes:

  • San Pedro de Bembibre (Taboada)
  • San Xoán da Cova (Carballedo)
  • San Miguel de Eiré (Pantón)
  • San Xillao de Lobios (Sober)
  • Santa María de Nogueira de Miño (Chantada)
  • San Vicente de Pombeiro (Pantón)
  • San Vicente de Pinol (Sober)
  • Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)

As aperturas realizaranse tendo en conta as celebracións litúrxicas e actos pastorais programados. Así mesmo, a Diocese de Lugo ten fxada unha tarifa para visitas culturais establecida coa finalidade de contribuír aos gastos de conservación e restauración de parroquias, tanto no relativo ao inmoble como aos bens mobles, así como o financiamento dos gastos correntes das mesmas tales como as subministracións e a limpeza.

A tarifa establecida será de 2€ por persoa e igrexa. Do mesmo xeito, establécese unha tarifa de 1,5€ para grupos de ata 25 persoas. Entrada gratuíta para:

  • Menores ata 12 anos acompañados dunha persoa adulta.
  • Membros acreditados/das do ICOM (International Council of Museums) ou de ICOMOS (International Council of Monuments).
  • Guías de turismo profesionais, debidamente acreditados/as.
  • Titulares da Tarxeta Acreditativa de Discapacidade (en caso de baremo de terceira persoa recoñecido, o acompañante tamén terá a entrada gratuíta).
  • Persoas desempregadas, debidamente acreditadas.
  • Residentes no mesmo concello debidamente acreditados (DNI, padrón ou contrato de arrendamento en vigor.

CONDICIÓNS DO SERVIZO, NORMAS DE USO E SEGURIDADE:

1. Salvo autorización expresa, non están permitidas a toma de imaxes e/ou audio no interior das igrexas. 

2. As visitas turísticas e culturais ás igrexas teñen un carácter excepcional e en todo caso, deberán ser conformes ó Can. 1210 do Código de Dereito Canónico, respectando a santidade dos lugares, os obxectos de culto -preservando especialmente o espazo do presbiterio, co altar e ambón- así como a doutrina da Igrexa Católica de acordo ás leis de liberdade relixiosa co fin de que se evite calquera tipo de escándalo para os fieis.  

3. Ao término da mesma os ocupantes obríganse a deixar a propiedade, libre e limpa, sen demora de ningunha clase e en perfecto estado de tódolos bens.

4. Aos efectos de preservar o estado da fábrica e dos bens mobles das devanditas igrexas parroquiais, non está permitido utilizar no interior da mesma e no seu exterior inmediato ferramentas ou instrumentos que poidan producir residuos de calquera tipo (serrín, polvo, elementos en suspensión, etc.). Tampouco se permite fumar, comer ou consumir bebidas dentro das igrexas a excepción do consumo de auga. 

5. Con carácter xeral, non está permitido mover obras de arte ou mobles. Do mesmo xeito, prestarase especial atención aos elementos murais e decorativos de calquera tipo que se atopen na igrexa, quedando estrictamente prohibida calquera intervención ou acción sobre os mesmos. 

6. Os horarios poden sufrir cambios puntuais por oficios relixiosos ou outros motivos alleos ao programa.

7. O prezo da entrada correspóndese coa tarifa establecida por persoa e igrexa pola administración diocesana de Lugo.

8. Non se inclúe servizo de guía.

9. AFORO MÁXIMO: non poderá haber máis de 25 persoas no interior da igrexa. Se o aforo está completo, irán entrando visitantes a medida que saian outros do interior. Neses casos, o persoal responsable da apertura estará habilitado para limitar a visita a uns 15 minutos. para facilitar a accesibilidade de todos os visitantes. Os GRUPOS de máis de 25 persoas deberán entrar graduados seguindo as indicacións do persoal encargado.


RESERVA DE PRAZAS