Museo Etnográfico de Quiroga
O Museo Etnográfico do Concello de Quiroga está emprazado na planta baixa do Auditorio Municipal de Quiroga, na Rúa Real da capitalidade do municipio. Abriu as súas portas o día 24 de marzo do 2007 coa ilusión de investigar, recuperar, xuntar, expoñer e polo tanto protexer o Patrimonio Cultural en todas as súas facetas.
A día de hoxe a colección etnográfica do noso Museo, composta por algo máis de 1000 pezas recollidas no territorio do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, que une aos concellos de Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga, é unha das coleccións etnográficas máis completas e interesantes de Galicia.
Os contidos do Museo Etnográfico de Quiroga están relacionados, por unha banda, cos catro produtos típicos da comarca: o viño, a castaña, o aceite e o mel; por outra, cos catro materiais esenciais para o desenvolvemento da vida na contorna: a pedra, o ferro, a madeira e os tecidos. Tamén teñen o seu espazo, como non podía ser doutro xeito, o agro e a gandería, a estancia principal da casa: a lareira, e a entrañable escola unitaria das nosas aldeas.
Nestas instalacións tamén poden verse dende hai tempo un dos famosos coches de Salvador Ontiveros e a magnífica imprenta da lendaria tenda El Derroche.
Todos os contidos presentes nesta colección atopan a súa síntese na recreación dunha aldea tradicional destas montañas coa exposición das maquetas que foron decorado da película galega de animación O Apóstolo, de “Artefacto Producciones”; onde pedra, madeira, ferro etc., atopan o seu lugar para facilitar a vida das xentes desta terra dura pero agradecida.
Museo Etnografico de Quiroga
Información e contacto
Auditorio Municipal, Rua Real, s/n
Quiroga
Lugo