Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Museo Xeolóxico de Quiroga

Museos e exposicións

O Museo Xeolóxico de Quiroga é un dos piares do Xeoparque Montañas do Courel e forma parte da súa rede de museos e centros de interpretación, coma a Aula da Natureza da Devesa da Rogueira, o centro de interpretación das Covas de Meiraos e o do ouro de Ribas de Sil. Tamén é o primeiro museo galego dedicado integramente á interpretación do patrimonio xeolóxico; foi inaugurado en decembro de 2011 e ampliado en setembro de 2020.

Nun espazo duns 250 metros cadrados, o Museo de Quiroga inclúe os  contidos xeolóxicos máis representativos da contorna ordenados do máis antigo ao máis moderno, en cinco salas cuxo contido é o seguinte:

A formación xeolóxica de Galicia: o Sinclinal da Serra do Courel e as rochas do Xeoparque. Mediante reconstrucións paleográficas comprenderemos como a tectónica de placas deu lugar á formación e pregamento das rochas de Galicia, incluíndo a famosa dobra deitada de Campodola-Leixazós (Sinclinal da Serra do Courel).

Ademais, esta sala amosa unha completa colección das rochas e minerais máis representativos do Xeoparque.

Historia paleontolóxica de Galicia, a evolución da vida.  O rexistro fósil do Xeoparque Montañas do Courel. O Xeoparque constitúe un contorno excepcional para o estudo da evolución da vida no NO da Península Ibérica durante  o Paleozoico e o Cuaternario. Entre a fauna paleozoica destacan animais invertebrados, aínda que o máis espectacular son os restos da sorprendente e descoñecida fauna do Cuaternario de Galicia, coma os osos das covas e osos pardos, bisontes, mamuts, rinocerontes laúdos, cervos ….

Os cambios climáticos cuaternarios nas Montañas do Courel: as pegadas da ultima glaciación. O descubrimento e exploración das covas das Montañas do Courel abriu unha fascinante fiestra para o coñecemento dos climas e ambientes do noso pasado, tanto a escala local coma global.

Os paneis da sala ilustran como se superpoñen as formas actuais do relevo á antiga posición das frontes glaciares dende o momento de máxima extensión glaciar local ata o final da deglaciación, cando se formou a Lagoa da Lucenza.

As primeiras ocupacións humanas de Galicia. A historia de Elba, a pastora das Montañas do Courel. Esta sala amosa unha sinxela e xeral visión da evolución dos homínidos, sempre en revisión e debate científico, dende os nosos antepasados africanos ata o actual Homo sapiens.

Os  utensilios paleolíticos feitos en pedra descubertos na Gándara Cha, na parroquia da Ermida, a só 2 quilómetros do Museo Xeolóxico, sitúan o Xeoparque Montañas do Courel no mapa da Prehistoria de Galicia, nunha das probables liñas de migración principais que seguían o val do río Sil.

Do norte das Montañas do Courel, no Concello de Pedrafita do Cebreiro, proceden os restos fósiles humanos da coñecida como Elba, a pastora do Courel, que percorreu estes montes hai uns 9.500 anos. O seu estudo, liderado polo Instituto Universitario de Xeoloxía  da Universidade da Coruña, permitiu coñecer como era en realidade Elba, mediante unha reconstrución baseada no seu código xenético, preservado no ADN dos seus ósos.

Minería antiga e recente no Xeoparque Montañas do Courel. As Montañas do  Courel comprenden unha das comarcas mineiras máis importantes de Galicia, polo que a última sala do Museo está dedicada ao aproveitamento mineiro acontecido dende a Prehistoria ata a actualidade. Os materias xeolóxicos máis importantes foron cinco: a lousa, o ouro, o ferro, a calcaria e a antimonita, das cales só sobrevive a lousa como motor económico de Quiroga e Folgoso do Courel.

Museo Xeolóxico de Quiroga

Información e contacto

Enderezo

Rúa do Caurel, s/n

Quiroga

27320 Lugo

Teléfono contacto
982 435 125
Horario
ACTUALIZADO XULLO 2024
--
Luns a venres: 10:30 a 14:00 horas
Sábados e domingos: 11:00 a 12:00 horas

Xornadas de portas abertas xoves de agosto de 11:00 a 12:00 horas
Calquera hora e calquer día, previa cita para grupos de 10 ou máis persoas, chamando ao 982 435 125 ou no correo cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es
Prezo
1€

Accesibilidade

Mobilidade reducida
Cadeira de rodas
Cómo chegar Cómo chegar