Feira do Viño de Amandi 2018

A historia da Feira do Viño de Amandi empezouse a escribir hai 18 anos, cando un grupo de veciños, formado fundamentalmente por industriais, decidiu revitalizar a antiga feira do gando, o Domingo de Ramos.

Pero como xa naquel entón a agricultura do municipio, e mesmo da comarca, estaba en decadencia pensouse en ofrecer un "reclamo" máis para traer ata Sober a persoas que non necesariamente tiñan por que vivir da terra.

Por iso convidouse aos colleiteiros de viño da zona de Amandi a que trouxesen ata a capitalidade do municipio unha pequena mostra dos seus caldos.

O resultado foi unha feira cunha vaca e trece barricas de 32 litros de viño para degustación. Non hai constancia da sorte que correu a vaca pero si se sabe que a bebida se esgotou e moito antes do previsto.

Coa lección aprendida, ao ano seguinte organizouse, tamén en Domingo de Ramos, unha segunda feira, centrada xa unicamente no viño. O concello comprou 3000 botellas entre os colleiteiros e vendeunas desde as propias xanelas da Casa Consistorial a 125 pesetas cada unha.

Os viticultores, que ese mesmo ano 1982 estaban a vender o litro de viño nas súas adegas a 60 pesetas, empezaron a crer nun proxecto que hoxe achega pingües beneficios a unha zona que ten xa no viño a súa principal fonte de ingresos.

Esta feira celebrouse desde entón ininterrompidamente o fin de semana coincidente co Domingo de Ramos. A organización deste evento corre a cargo da Delegación de Cultura do Concello de Sober. Os viños "Amandi" cultívanse no sueste do municipio de Sober, na ribeira do Sil. A súa orientación, unida ao microclima mediterráneo desa zona e o cultivo en bancales, así como a utilización de variedades de alta calidade fixérono merecedor de numerosas medallas a nivel internacional;ademais de aparecer recomendado nas mellores guías gastronómicas.

Desde setembro de 1996 teñen denominación de orixe, ao ser unha das cinco subzonas da Ribeira Sacra xunto ás de Ribeiras do Miño, Ribeiras do Sil, Quiroga- Bibei e Chantada. Por parroquias o Amandi cultívase en Doade, Amandi, Lobios, Pinol, Santiorxo, Bolmente e parte das de Anllo San Martiño e Anllo Santo Estevo. En total son 200 hectáreas de viñas, repartidas entre algo máis de 300 viticultores, e con 29 adegas inscritas no Consello Regulador.

 

Programa de actos da XXXVIII Feira do Viño de Amandi
 
Sábado 24 de Marzo
11:30 horas. O disparo de bombas de palenque anuncian o inicio da XXXVIII Feira do Viño de Amandi.
12:00 horas. Apertura Oficial a cargo de Adega Guímaro en lembranza da súa matriarca Concepción Pérez Marcos.
12:15 horas. Actuación do Grupo de Música Tradicional Érbedo.
17:00 horas. Comezo da Precata Oficial na Sala de Catas da Oficina Municipal de Turismo.
17:00 horas. Actuación do Grupo Érbedo.
18:30 horas. Concerto da Banda de Música de Sober.
20:00 horas. Concerto de Cristina Pato no Auditorio do Centro Sociocultural de Sober.
22:00 horas. Actuación de Os Parentes na Praza do Concello.
23:30 horas. Actuación de Gin Toni’s na Praza do Concello.
 
Domingo 25 de Marzo
10:30 horas. Disparo de 23 bombas de palenque (1 por cada colleiteiro participante)
10:45 horas. Actuación da Charanga NBA.
11:00 horas. Pasarrúas coa Banda de Música de Sober.
11:30 horas. Comezo da Cata Oficial na sala de catas do Centro Sociocultural de Sober.
11:30 horas. Misa Solemne coa Bendición de Ramos na Igrexa de Sober.
12:30 horas. Recepción de Autoridades na Casa do Concello.
12:45 horas. Actuación da Banda de Música de Sober.
13:00 horas. Pregón a cargo de Cristina Pato.
13:30 horas. Entrega de Premios.
17:00 horas. Actuación da Charanga NBA.
19:30 horas. Baile coa orquestra Suavecito.

Para máis información sobre este evento prema aquí.