Galería
Galería

16.2.a San Fiz

XEOMORFOLOXÍA DO MIÑO

O río Miño nace a uns 700 metros de altitude no Pedregal de Irimia, unha morrena glaciar baixo a que se escoita correr a auga, aínda que esta non sairá á superficie ata seis quilómetros máis abaixo, na Lagoa de Fonmiñá. Nesta lagoa podemos observar unhas curiosas burbullas, que non son máis que CO2 resultante do proceso de disolución das rochas calcarias da “Caliza de Vegadeo” polo xurdimento de auga.

Tras un percorrido de 316 quilómetros pasando polas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, e facendo de fronteira natural con Portugal nos seus derradeiros 76 quilómetros, o río Miño desemboca no océano Atlántico, entre A Guarda e Caminha.

No tramo que nos comprende, entre Chantada e Os Peares, o río atravesa o anticlinorio do Ollo de Sapo e pasa á denominada Zona Centro-Ibérica, encaixándose profundamente na Superficie de Chantada, evitando a Fosa de Monforte e creando ao seu paso meandros de gran beleza, como o Cabo do  Mundo.

 

Xa nos Peares, os encaixes do Miño e do Sil desaparecen bruscamente e ambos ríos conflúen, xunto co Búbal, aumentando considerablemente o caudal e seguindo o seu percorrido por substrato granítico en dirección á cidade de Ourense.

 

VITICULTURA E ORDENACIÓN AGRARIA

O aproveitamento agrícola en lugares de gran pendente, como as ribeiras do Miño, supón un tremendo traballo de construción de muros para asentar o terreo e permitir os traballos de cultivo. Son por tanto leiras pequenas, dedicadas á economía familiar e de subsistencia e moi vinculadas ás aldeas.

 

O caso máis particular é a viticultura, onde as cepas están dispostas en bancais (tamén chamados socalcos, pataos, muras, bancadas...) perfectamente adaptados ás condicións do terreo, con anchos variables segundo as posibilidades e muros de distintos tipos e materiais, que ademais de permitir ter un terreo de cultivo, serven para conservar a calor do día, o que favorece a produción da planta.

 

Este sistema de cultivo fai que os traballos nas viñas sexan moi duros, e maiormente manuais, xa que non hai posibilidade de acceso con maquinaria, aínda que hoxe en día contan con algunha axuda mecánica como os carrís de transporte que se poden ver en diversos lugares. Esta é a causa de que se denomine Viticultura Heroica.

As viñas destas ribeiras pertencen tanto a pequenos viticultores que elaboran viño para consumo propio como a diversas adegas acollidas a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, creada no ano 1996 para poñer en valor a calidade dos viños desta zona.

SAN FIZ

Cómo chegar Cómo chegar