Concedido o Plan de Sostibilidade Turística en destinos a Ribeira Sacra

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Comunidades Autónomas e entidades locais acordaron hoxe dedicar 58,8 millóns de euros en 25 destinos turísticos co dobre obxectivo de modernizar a oferta en destinos pioneiros e activala en comarcas da España interior.

En Galicia serán dous os destinos beneficiarios: Santiago de Compostela e Ribeira Sacra.

A decisión tomouse na Conferencia Sectorial de Turismo, que presidiu a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes  Maroto, acompañada polo secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, e os conselleiros autonómicos do ramo. 

A ministra de Industria expresou a súa satisfacción polo éxito desta convocatoria e agradeceu a súa participación aos 154 destinos turísticos. “Los planes son un ejemplo de cómo somos capaces de ser más efectivos desde la cooperación entre las administraciones y de cómo el turismo ha de ser ejemplo de unidad”, sinalou Maroto, ademais, engadiu que “estos planes y su inversión serán determinantes en la consolidación de un modelo turístico sostenible y responsable”. 

O investimento canalizarase a través da firma de convenios subscritos entre o Goberno, a Comunidade Autónoma e as entidades locais beneficiarias, de tal maneira que as tres partes participarán no financiamento dos proxectos ao longo de tres anos. A achega da Secretaría de Estado de Turismo ascende a 22,37 millóns de euros que se desembolsarán no primeiro exercicio, con cargo aos actuais Orzamentos Xerais do Estado. O resto do montante previsto ata os 58,8 millóns de euros asumirano as Comunidades Autónomas e entidades locais. 

A convocatoria destes Plans de Sostibilidade Turística espertou un enorme interese, como reflicte o elevado número de propostas recibidas (un total de 154). Os 25 proxectos seleccionados pasaron senllas avaliacións por parte da comunidade autónoma e da Secretaría de Estado de Turismo e recibirán un investimento que oscila en cada caso entre o millón e os 3,5 millóns de euros. 

Localización dos proxectos

Os 25 proxectos seleccionados están localizados nas Comunidades Autónomas de Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Comunidad de Madrid, Murcia e A Rioxa. De entre eles, 18 pertencen a destinos rurais ou de interior, onde o investimento que se fará irá dirixida a dinamizar e organizar a súa oferta turística, potenciando o seu patrimonio cultural e natural. O desenvolvemento do turismo contribuirá a afrontar o reto demográfico nestes destinos de interior, que aspiran a recibir unha maior afluencia de visitantes con capacidade de gasto, sen que esta actividade sexa prexudicial para o medio ambiente.

Os outros 7 plans aprobados afectan a destinos pioneiros, maduros, cunha sobrecarga urbanística e ambiental xerada pola gran afluencia de turistas recibidos nas últimas décadas e que precisan renovar a súa oferta para non perder competitividade, por unha banda, pero tamén para mellorar a percepción que os residentes teñen do desenvolvemento urbanístico da súa localidade. O investimento nestes casos centrarase na reconversión do seu modelo turístico cara a un modelo turístico intelixente e sostible.


Fonte oficial: Ministerio de Industria, Comercio e Turismo