Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, Reserva da Biosfera
Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é, oficialmente, a sétima reserva da biosfera de Galicia.
Así o proclamou, o 15 de setembro de 2021, o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere ( MaB) da UNESCO, reunido na cidade nixeriana de Abuja desde o pasado luns.
Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel foi designado como un dos novos 20 espazos incluídos na Rede Mundial de Reservas das Biosfera. Coas novas incorporacións, estes espazos protexidos que cobren na actualidade máis do 5% da superficie terrestre, entran no programa científico intergobernamental da UNESCO, encamiñado á conservación da biodiversidade e o seu desenvolvemento sostible, á vez que promove a investigación, a educación e a concienciación neste ámbito. O programa, cumpre este 2021 os 50 anos e ten como obxectivo conseguir que no próximo 2030 o 30% do noso planeta estea formado por áreas protexidas.
Esta demarcación, non só se converte na sétima Reserva da Biosfera de Galicia, se non que se consigna como a segunda Reserva da Biosfera máis grande da comunidade.
O noso territorio engade un pedazo máis á superficie protexida de Galicia baixo este recoñecemento internacional (actualmente do 35%), cos seus 306.534,77 hectáreas, repartidas en 23 municipios (18 da provincia de Lugo e 5 da de Ourense), e que conta cunha extraordinaria riqueza, natural, cultural e etnográfica.
Tras a proclamación por parte da Unesco, este espazo intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase ás que xa contaban con esta distinción en Galicia; recoñecemento aos máis de catro anos de traballo na candidatura, por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e outras administracións implicadas.
O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacaba na súa intervención durante o evento de presentación oficial, a importancia de contar con este instrumento internacional para salientar a singularidade deste enclave único, cun gran valor en canto a patrimonio natural, viticultura, gastronomía e riqueza cultural. No seu discurso, remarcou que se trata dunha paisaxe que nos enlaza co pasado e que debemos prever para o futuro.
Feijoo fixo así mesmo fincapé na importancia de impulsar un turismo sosegado, coidando o contacto co medio natural. Ademais, destacou a compatibilidade desta distinción coa actividade agrícola e gandeira, que servirá tamén como impulso para desenvolver accións de investigación e xestión sostible do territorio.
A Xunta de Galicia, xa conta con antecedentes en canto a experiencias similares nas outras 6 reservas, nas que se desenvolveu un plan de accións baseado en aspectos como a conservación da biodiversidade e mellora de ecosistemas, fomento do uso sostible dos recursos, atenuación do cambio climático ou a promoción dunha sociedade sostible plenamente integrada na súa contorna.
Este proxecto participativo, que iniciou a súa andaina no 2017, hoxe é unha realidade que se materializou e que toca poñer en práctica.
Esta distinción, trátase sen dúbida dunha figura para harmonizar o noso espazo natural de maneira sostible, ademais dun indubidablemente recoñecemento a nivel internacional, e que a súa vez supón un paso máis para conseguir a declaración como Patrimonio da Humanidade.
Máis información e fonte oficial en:
- A Unesco declara a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel a sétima reserva da biosfera de Galicia