Galería
Galería

ZEC Macizo Central - Rede Natura 2000

Espazos naturais

O Macizo Central situase na zona centro-oriental do norte da provincia de Ourense, e cunha extensión de 45.829 hectáreas repartidos nos concellos de Larouco, Laza, O Bolo, Petín, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e os pertenecentes a Ribeira Sacra: A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Montederramo e Quiroga.

O Macizo Central ocupa unha grande área montañosa practicamente despoboada que permitiu conservar importantes ecosistemas de transición. Son as serras propicias para o lobo e as grandes presas: corzo, cervo e o porco bravo. Tamén de sorpresas botánicas como bosques únicos de acivro ou bidueiro entre unha vexetación moitas veces orientada á creación de pasteiros para a gandería. O pastoreo tradicional pervive nas aldeas da serra.

Falamos dunha terra exposta ós cambios lentos da natureza e da tradición. Como castiñeiros centenarios que renovan tódolos anos un froito tenro e doce ou pontes romanas polas que seguen circulando os coches. Así semella ser este interior da provincia de Ourense onde os cumes combinan o encanto agreste da pedra coa suavidade dos grandes volumes redondeados. A serra de Queixa ostenta o punto máis alto na única estación invernal de Galicia, concretamente en Cabeza de Manzandeda (1.782 m).

Os ríos que nacen nestes altos discorren cara o Sil, o Miño e incluso ata o Douro portugués. O máis importante deles é o río Bibei, que xunto co seu afluente o Navea, conforman un recurso paisaxístico e natural espectacular, encañonándose no tramo final da súa desembocadura no Sil. Terreo propicio tamén para o cultivo da vide, estando amparado baixo a D.O. Ribeira Sacra.

Estamos pois nun importante reino da auga que contrasta tanto pola abundancia como pola escaseza segundo as estacións, a altitude e a orientación. A pouco menos de 200 quilómetros da costa, é unha das zonas que rexistra maior cantidade de precipitacións en forma de chuvia e neve; pero os veráns son sen embargo moi secos. A temperatura media anual non excede os 10º C.

FLORA: Reboleiras (Quercus pyrenaica). Bidueiral en Montederramo (Betula alba) mesturado con carballeiras. Acivro (Ilex aquifolium) e capudre (Sorbus aucuparia). Cumes de pasteiros de Festuca indigesta e piornais de Cytisus scoparius e C. purgans.

FAUNA: Lobo (Canis lupus), aguia real (Aquila chrysaetos), donicela (Mustela nivalis), charrela (Perdix perdix hispaniensis). Ungulados no Parque do Invernadeiro: corzo (Capreolus capreolus), gamo (Dama dama) e cervo (Cervus elaphus).

Macizo Central

Ver máis...
Cómo chegar Cómo chegar