As Xacias e os homes peixe (Lenda)
A lenda sobre as xacias é, se cabe, unha das máis arraigadas en Ribeira Sacra.
Segundo o historiador Antonio Ceniza, o río Miño, ao seu paso por Chantada, Pantón e O Saviñao, puideron ser o berce da raza dos xacios, chamados homes-peixe na súa versión masculina e xacias na súa versión feminina.
Anxo Moure defínenos ás xacias como uns seres metade muller-metade peixe, que ao saír das augas do Miño namoraban aos barqueiros e ao volver co resto da comunidade, non eran ben recibidas. Pola súa definición ben poden estar emparentadas con seres mitológicos doutras culturas como as xanas asturianas, as sereas marítimas ou as selkis irlandesas, entre outras.
A existencia destes seres foi recollida por Ramón Castro López, párroco de Vilar de Ortelle (Pantón), durante o século pasado (concretamente, en 1929), na súa obra "Apunta histórico descritiva da parroquia de Vilar de Ortelle e a súa comarca". Precisamente, nese libro recóllese a lenda "Fillas dunha xacia", a cal figura representada no mural co mesmo nome, pintado dentro do proxecto Un toque de Cor en Ribeira Sacra, e ubicado nos muros do Colexio Público de Pantón.
Conta esta lenda que un home namorouse da beleza dunha xacia e esta díxolle que se a bautizaba converteríase en humana e casaría con el. Tiveron varios fillos e fillas, e a todos encantáballes bañarse en calquera lugar, acto que unha vez reprochoulle o seu pai dicíndolle "Marchádevos de aquí, fillos dunha xacia!". Isto orixinou unha gran discusión que acabo coa esposa fuxindo da súa casa e retornando ao seu fogar no río, e cando o seu marido foi na súa procura descubriu que os xacios a mataran e descortizaran por bautizarse.