Galería
Galería

Búskalo en Ribeira Sacra, o novo produto de Ribeira Sacra presentado en Fitur 2019

O  CTRS presentaba esta mañá en Fitur 2019 a novidade para este ano 2019: Búskalo en Ribeira Sacra, unha gran sala de escape ao aire libre. A posta en marcha dunha proba piloto está prevista para a próxima Semana Santa.

Ás 10:30 horas desta mañá tiña lugar a presentación institucional de Ribeira Sacra en FITUR a cargo do Presidente do Consorcio de Turismo e alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acompañado da Delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Dona Marisol Díaz; o Delegado da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, D. José Manuel Balseiro; o Vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o Presidente da Deputación de Lugo, D. Darío Campos. Entre o público asistente atopábanse os Alcaldes de Monforte de Lemos, Pantón, Bóveda, Castro Caldelas, Parada de Sil, o Concelleiro de Turismo de Quiroga, o Director de La Vuelta, Deputados, Senadores e outras autoridades.  

O presidente comezaba a intervención facendo balance dos logros cultivados durante o pasado ano 2018; un ano que Ribeira Sacra pechaba cos mellores datos de ocupación rexistrados ata o momento, un ano no que aumentaba considerablemente o número de emprendedores que apostaban por montar os seus negocios en Ribeira Sacra e  tamén o número de compañías interesadas no destino e, en definitiva, un ano no Ribeira Sacra recibía a noticia da súa declaración como BIC, constituíndose como o maior territorio protexido baixo esta figura de toda España. Con especial mención de agradecemento e felicitación ao equipo da Consellería de Cultura e Turismo encargado do expediente, Luis Fernández Guitián facía fincapé en que a declaración supuxo para o destino non só o recoñecemento á excepcionalidade do noso territorio, senón un paso moi importante, o comezo da andaina cara a converterse en Patrimonio da Humanidade.  

Así mesmo, e tras a mirada expectante do público asistente, o presidente do Consorcio de Turismo presentaba o novo produto creado polo Consorcio, ao amparo do convenio subscrito coa  Axencia de Turismo de Galicia, para este ano 2019. “Búskalo en Ribeira Sacra”  é o nome que recibe a rechamante proposta, onde Ribeira Sacra convértese nunha gran sala de escape (ou scape room). Ataviados cunha tablet cunha aplicación de realidade aumentada, un caderno para tomar notas, un cronómetro cunha conta atrás e unha mochila con múltiples compartimentos pechados con cadeados, os visitantes deberán resolver os enigmas que se atopen no camiño para conseguir finalmente “escapar” no tempo marcado. Aventura, innovación e novas tecnoloxías son a sinerxia perfecta que permitirá desenvolver esta actividade adaptada a todos os públicos, con ou sen experiencia neste tipo de actividades.

O Consorcio de Turismo pretende con esta iniciativa crear unha oferta atractiva para todos os públicos e, en especial, para as familias, dando cabida a todos os municipios que compoñen o territorio. Outros dos obxectivos marcados polo ente xestor do destino son a  tematización e  temporalización da actividade, así como a fidelización do visitante. En definitiva, trátase dun produto cuxas opcións permiten a súa adaptación a calquera contorna e época do ano, o que comporta unha  durabilidade e posible adecuación ás necesidades do mercado en cada momento.   

Prevese a posta en marcha dunha proba piloto de “Búskalo en Ribeira Sacra”  para a próxima Semana Santa, con intención de ampliar as propostas ao longo do ano.

Luis Fernández Guitián remataba a intervención aproveitando a ocasión para anunciar o inicio da nova tempada de voos en globo, que comezará a partir do 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.

PRESENTACIÓN RIBEIRA SACRA EN FITUR 2019

Ver máis...