
Harmonización da rede de oficinas de turismo de Ribeira Sacra

O xeodestino Ribeira Sacra conta na actualidade cunha rede de trece oficinas de turismo, xestionadas por cada un dos Concellos nos que se atopan. A estética de cada unha delas era dispar e non dispoñían de ningún elemento homoxeneizador que trasladase ao visitante a sensación de pertenza ao mesmo destino.
Para corrixir este aspecto, instaláronse unha serie de pezas comúns para todas elas: cadeiras de oficina e confidentes en cor corporativo, vinilo co novo logotipo do CTRS, imaxe representativa de cada concello e tótem identificativo de “oficina de turismo”. Todo o mobiliario instalouse en cores actuais (branco), para darlle un aire moderno aos espazos, e na cor da nova imaxe do CTRS, seguindo o manual de identidade corporativa.
Atendéronse as necesidades especiais de cada unha das oficinas e ademais, no caso particular da oficina de turismo de Xunqueira de Espadanedo, realizouse unha pequena obra para humanizar o espazo onde se atopaba o punto de información, co pintado de paredes, instalación de elementos para mellorar a eficiencia enerxética (nova ventá, illamento de chan con madeira, nova luminaria...).
Data realización: agosto 2022
Esta acción enmárcase dentro da Liña de Actuación 4 do Plan de Sostibilidade Turística Ribeira Sacra e está cofinanciada pola Secretaría de Estado de Turismo, Axencia de Turismo de Galicia e Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.