Plan de Sostibilidade Turística Ribeira Sacra

DESCRICIÓN TRÁMITE PLAN E CONCESIÓN

A finais de xuño de 2020, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo anunciaba a posta en marcha do Plan de Impulso para o Sector Turístico; un ambicioso paquete de medidas mediante o cal, e tras a crise atravesada polo sector debido á COVID-19, o Goberno pretendía apostar polo mantemento e continuidade do principal motor deste país, así como construír e potenciar un turismo seguro e sostible.

Este Plan estruturouse en 5 grandes piares, os cales, á súa vez, recollían 28 medidas específicas. Entre as medidas atopábase a aprobación dos Plans de Sostibilidade en destino, orientados a mellorar a competitividade tanto nos destinos maduros como nos destinos rurais ou de interior.

Desde o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra (CTRS), coñecedores das necesidades que veu experimentando o territorio, a poboación local e o conxunto do sector turístico tras o crecemento exponencial da demanda turística nos últimos anos, decídese de inmediato redactar a proposta para optar á concesión duns destes plans de sostibilidade.

A proposta realizada polo CTRS elabórase en apenas dous meses e é trasladada, a finais de agosto, á Xunta de Galicia, o órgano encargado de avaliar e seleccionar os proxectos que se presentan ante o Ministerio.

Un mes despois, o 30 de setembro de 2020, e mediante Acordo da Conferencia Sectorial de Turismo, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo anuncia a aprobación de 25 dos 154 plans presentados, entre os que se atopa o noso destino, Ribeira Sacra.

A partir dese momento, comezan os trámites conxuntamente entre o Ministerio, Xunta de Galicia e CTRS para levar a cabo o Plan de Acción proposto, publicándose, finalmente, o 11 de decembro de 2020 no Boletín Oficial do Estado o Convenio para a execución do Plan de Sostibilidade.  

 

IMPORTE E DURACIÓN

No devandito Convenio, ademais doutras cuestións, acórdase a duración, importe e achegas do Plan de Sostibilidade (PST) Ribeira Sacra. Así, especifícase que o PST terá unha vixencia de 3 anos e contará cun investimento total de 2.000.000 de euros, executándose durante o período que abarca as anualidades de 2021 a 2023.

O custo das actuacións previstas estará cofinanciado polos organismos asinantes do Convenio, sendo estes: a Secretaría de Estado de Turismo, en representación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia, en representación da Xunta de Galicia e o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra.

A  repartición das achegas realízase de acordo aos seguintes prazos e porcentaxes:

  • 42,5% (primeira anualidade) - Secretaría de Estado de Turismo
  • 42,5% (primeira anualidade) -  Axencia de Turismo de Galicia
  • 15% (segunda e terceira anualidade) - Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra

 

OBXECTIVO E EIXOS ESTRATÉXICOS DO PLAN

Como se mencionaba ao comezo do texto, o destino Ribeira Sacra experimentou un forte aumento na demanda turística nos últimos anos. Esta casuística provocou que sexa necesaria a implementación dunha serie de medidas que garantan o desenvolvemento sostible do destino. Por ese mesmo motivo, o obxectivo principal do PST Ribeira Sacra é o de estruturar un conxunto de actuacións que permitan garantir a sostibilidade ambiental, económica e social no proceso de consolidación de Ribeira Sacra como destino turístico.

Dese modo, a posta en marcha do PST permitirá que o destino poida abordar unha serie de accións relacionadas con aspectos como a mobilidade sostible, o embelecemento de centros históricos, a creación de novos produtos, a sinalización de recursos ou a aplicación de novas tecnoloxías, entre outros.

Todas estas accións están enmarcadas dentro de 5 eixos de actuación principais, cumprindo coas Directrices Xerais da Estratexia de Turismo Sostible de España 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.

EIXO ESTRATÉXICO 1: Mobilidade sostible 

EIXO ESTRATÉXICO 2: Paisaxe cultural

EIXO ESTRATÉXICO 3: Transformación competitiva  

EIXO ESTRATÉXICO 4: Produto, márketing e intelixencia turística

EIXO ESTRATÉXICO 5: Gobernanza participativa

 

TRANSPARENCIA E VISIBILIDADE 

Durante a vixencia do Plan de Sostibilidade Ribeira Sacra, desde o CTRS publicaranse neste mesmo apartado, e dentro do seu eixo correspondente, todas as actuacións levadas a cabo ao amparo do PST e en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia. 

Calquera cuestión en relación ao PST Ribeira Sacra pode ser dirixida a pst@ribeirasacra.org

ACTUACIÓNS LEVADAS A CABO ATA A DATA