Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Mosteiro de Santa María de Montederramo

Mosterios

Declarado Ben de Interese Cultural no ano 1951,  atópase no mesmo lugar de Montederramo, presidindo a Praza do Mosteiro.
 

 

Sobre a súa orixe beneditina da primitiva observancia e co título de San Xoán, a maioría dos historiadores que sobre Montederramo escribiron atribúen o inicio da súa historia ao documento fundacional que con data do 21 de agosto de 1124 foi outorgado en Allariz por Dona Teresa de Portugal. Neste documento Dona Teresa concedeu ao chamado abade Arnaldo e aos monxes beneditinos que con el estaban un lugar chamado Rivoira Sacrata (ou Roboira Sacrata) para fundar un mosteiro, indicándose no devandito documento o privilexio polo cal os monxes podían marchar a outro lugar se o consideraban máis cómodo.

O primitivo mosteiro non estaba situado no actual Montederramo, senón próximo a Leboreiro, no lugar de Seoane Vello, baixo a denominación de San Xoán, que pertenceu á orde Beneditina. O actual cenobio procede do século XII, sendo renovado e ampliado nos séculos XVI e XVII.

Os planos da nova igrexa encárganselle a Juan de Tolosa, mestre xesuíta, a finais de 1597 ou principios de 1598. A obra foi dirixida por Pedro de la Sierra. O resultado final é un fermoso templo de planta basilical de cruz latina con tres naves. No estilo austero e herreriano da nova igrexa monasterial brilla a tradición funcionalista e desornamentada da arquitectura medieval cisterciense e, sobre todo, o forte sinal esculiariense chegado a Galicia como foco inspirador da renovación arquitectónica do Renacemento Hispano.

A fachada é unha das grandes da arquitectura renacentista galega, moi sobria como o resto da obra. Na fornela pódese ver a imaxe pétrea da Virxe atribuída a Alonso Martínez.

No interior da igrexa, destacamos o retablo maior, restaurado nos últimos tempos. É obra do escultor galego Mateo do Prado que tallou en madeira as escenas en altorrelevo dedicadas ao Novo Testamento, integrándoas no conxunto estrutural realizado polos escultores e entalladores composteláns Bernardo Cabrera e o seu fillo Juan.

Tamén se restaurou o coro alto, obra do portugués Alonso Martínez, a principios do século XVII, realizado en madeira de nogueira branca sen policromar.

Unido ao muro sur da igrexa está o claustro procesional. Foi edificado entre finais do século XVI e principios do século XVII. No corpo inferior atopamos un harmónico deseño con sucesión de arcos de medio punto decorados con trazarías caladas de estilo gótico. Cuberta con bóvedas estreladas de gran solidez de nove claves colgantes sobre ménsulas. O corpo superior é máis sobrio e funcional. Na actualidade, neste claustro atopamos o colexio público.

O mosteiro conserva outro claustro, o da hospedaría. Foi construído, para dar servizo de acollida a quen solicitaba a hospitalidade de Montederramo. É de planta cadrada. O seu corpo inferior está formado por catro esveltos arcos de medio punto por cada lado con columnas de fuste liso e capitel alcarreño. Nas enxoitas dos arcos do piso inferior labráronse os medallóns con bustos en altorrelevo, dos que destacamos ao emperador Carlos V e o seu fillo Filipe II.

Coa desamortización de Mendizábal do século XIX, o mosteiro foi adquirido por un particular. Na actualidade, as dependencias onde vivían os monxes seguen en mans privadas.

Podes facer unha visita virtual en 360º premendo eiquí.

Non o perdas!

Preto de Montederramo atópanse outros mosteiros como o de San Pedro de Rocas, dun estilo radicalmente distinto e cuxa visita e moi recomendable.

Mosteiro de Santa María de Montederramo

Información e contacto

Enderezo

Plaza de Montederramo, s/n

Montederramo

32750 Ourense

Teléfono contacto
988316303/988292000
Horario
ACTUALIZADO DECEMBRO 2023
--
De 01/11 ao 22/12:
Mércores a domingo, entrada ás 11:00, 12:00, 13:00, 16:00, e 17:00 h.
LUNS E MARTES PECHADO
--
Do 23/12/23 ao 07/01/2024 PECHADO POR VACACIÓNS
HORARIO 2024 en plataforma de entradas

Prezo
3€

Equipamento e servizos

Aparcamento

Accesibilidade

En coche
En bicicleta
Cómo chegar Cómo chegar