Distancia do percorrido
90 km
Tempo do percorrido
1 día
Comezo
Os Peares
Chegada
A Peroxa

Ruta polo Miño Oeste

Imprescindibles

Saíndo do lugar de Os Peares onde o Miño e o Sil unen as súas augas, faremos un percorrido pola beira do Miño ata chegar a Chantada, onde poderemos coñecer a vila e comer nalgún dos seus múltiples restaurantes. Pola tarde, unha visita ao trio de igrexas románicas de Taboada, para finalizar o día no Castelo da Peroxa, gozando do seu entorno natural e as súas visas sobre o val de Ourense.

Comezaremos a xornada en Os Peares, unha pequena localidade que destaca por ser toda unha encrucillada de límites territoriais; pertence a catro concellos e dúas provincias distintas. Ademais, aquí localízase tamén o punto de unión entre o Sil e o Miño, os principais ríos de Ribeira Sacra. Non podemos marcharnos sen deleitarnos con os coloridos murais do proxecto "Un toque de Cor en RS", levado a cabo polo Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra, situados en varias vivendas desta vila. 

Seguidamente, continuaremos pola LU- P-1801 en dirección Chantada. Despois duns 15 minutos aproximadamente conducindo, atoparémonos co desvío á igrexa de San Xoán da Cova. Nese punto, o ideal é deixar o coche e continuar camiñando (700 metros). Unha das peculiaridades desta marabilla do románico é foi trasladada do seu emprazamento orixinal pedra a pedra debido á construción do embalse dos Peares. 

Tras deleitarnos con San Xoán da Cova, continuaremos pola mesma estrada ata chegar á nosa seguinte parada: o Penedo do Garabullo e Fervenza de Fondós; un impresionante mole de granito atravesada pola fervenza que forma o río Fondós antes de desembocar no Miño.

Tamén, nesa mesma estrada, e a uns 6 minutos, toparémonos co miradoiro de Sernande, parada obrigatoria para observar a grandiosidade do Miño ao seu paso por este punto. 

Continuamos en ruta, mesma dirección, ata chegar ás indicacións para a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño. Unha verdadeira xoia que esconde no seu interior uns muros cubertos case ao completo por pinturas do século XVI. A Capela Sixtina galega lle chaman...

De novo, seguiremos pola mesma estrada ata chegar a Chantada. Alí poderemos pasear polo seu casco antigo e e mesmo aproveitar para xantar. 

Despois deste alto para repoñer forzas, dirixirémonos á N-540 en dirección Lugo para seguir coñecendo máis marabillas do románico. A primeira delas será Santa María de Piñeira, á cal se chega a través da N-540 (á altura do quilómetro 45,5 atoparemos un desvío a man dereita indicando A Refonteira. Nese lugar desviámonos á dereita cara a Pacios e de Pacios continuamos a Piñeira; a igrexa atópase ao pasar o pobo).

A nosa seguinte parada será Taboada dos Freires, outra auténtica xoia (a ver se sodes capaces de atopar a inscrición orixinal do século XII...). Tras a visita, continuamos pola LU- P-6001 cara ao leste; en 10 minutos chegaremos á igrexa de San Xián de Campo, lugar onde tamén poderemos apreciar un esgrafiado recentemente restaurado. 

Para finalizar a xornada, dirixirémonos cara á Peroxa pola N-540 (dirección Ourense) para visitar o Castelo da Peroxa, ou o que queda del, xa que a outra parte poderémola atopar nas paredes da igrexa do pobo. 

 

OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE

 ONDE COMER · Preme aquí para descubrir os restaurantes máis próximos ao punto no que te atopes nese momento (poderás filtrar por concello). 

 MÁIS RECURSOS · Se queres completar o percorrido con outros recursos próximos ao punto no que te atopes, utiliza o mapa interactivo, seleccionando na procura o concello no que te sitúes nese momento (opción recomendada soamente para épocas do ano nas que hai abundantes horas de luz).

 

Nesta singular localidade únense os ríos MIño e Sil

A localidade dos Peares caracterízase por ser un lugar de unión. Aquí unen as súas augas os ríos Miño e Sil, ademais do Búbal; e aquí tamén únense catro concellos de dúas provincias diferentes.

Xoia do románico de Ribeira Sacra

Outra das xoias do románico de Ribeira Sacra, non só pola súa construción, senón tamén pola paraxe na que se atopa.

Un lugar impactante pola mole rochosa e a fervenza

Trátase dunha formación rochosa de gran tamaño por cuxo lateral discorre unha fervenza, a do Río Fondós, antes de desembocar no Miño.

Miradoiro sobre o río Miño

Dende o miradoiro divísase a Illa de Maiorga, unha elevación do terreo cuberta de vexetación que quedou totalmente rodeada polas augas do río Miño a consecuencia da construción do encoro dos Peares.

Considerada como a Capela Sixtina de Galicia

Está situada na cima do famoso meandro Cabo do Mundo. Santa María de Nogueira combina partes da segunda metade do século XII e do segundo terzo do XVIII, época na que sofre importantes reformas na fachada, que actualmente mostra o antigo rosetón románico e campanario e formas barrocas.

Entre o Canón do Miño e a Dorsal Galega co Monte Faro como cume

Entre o Canón do Miño e a Dorsal Galega co Monte Faro como cume, destaca o seu fermoso casco antigo e os numerosos exemplos de románico da localidade. 

Igrexa Románica do século XII

O seu tamaño sen dúbida apunta á súa orixe monacal, algunhas fontes aluden á existencia doutro mosteiro dedicado ao Salvador moi próximo.

Esta igrexa de orixe románico data do século XII

A igrexa de Taboada dos Freires data do século XII e sobre ela leváronse a cabo importantes reformas no ano 27 do século pasado. Da obra orixinal consérvanse a portada principal, unha fiestra na cabeceira da ábsida e algúns canzorros da nave.

Outra boa mostra do románico nas terras de Taboada

Edificio realizado no século XII, que sufriu importantes reformas posteriores. As capelas laterais son posteriores á fábrica románica. Os muros que a conforman son de perpiaño e tellado de tella a dúas augas.

A porta principal é de arco de medio punto con dúas arquivoltas de baquetón. Ten ademais decoración de bólas e axadrezado, con columnas con capiteis decorados. O frontis culmínao unha sinxela espadana de dous vans.

Magnífico miradoiro natural

VISITAS GUIADAS con reserva previa: Consultar apartado horarios

O castelo ocupa o lugar dun castro onde se asentaron os primeiros poboadores, sobre o val do regacho Rial, afluente do Miño. No século VIII, a familia Temes ordena a construción dun castelo para defender as súas terras das incursións musulmás.

Non o perdas!

Neste percorrido poderás optar por incluír a ruta fluvial polo Miño en horario de tarde, sempre e cando se substitúa por algún dos recursos da lista.