

Os Peares

A localidade dos Peares caracterízase por ser un lugar de unión. Aquí unen as súas augas os ríos Miño e Sil, ademais do Búbal; e aquí tamén únense catro concellos de dúas provincias diferentes.
Esta singularidade de estar entre ríos fixo que o seu urbanismo sexa complexo, e as veces para chegar dun punto a outro da localidade é preciso dar un rodeo, xa que estamos en marxes diferentes do río. Durante o século XX foi un lugar moi próspero, xa que contaba co encoro dos Peares e coa estación de tren como elementos xeradores de emprego.
Nunha visita a esta localidade non se deberían perder a ponte de ferro de estilo Eiffeliano por onde cruza o tren, a unión das augas do MIño e o Sil continuando xa como Miño ou o complexo do encoro dos Peares coas vivendas construídas en paredes verticais e a auga caendo polo muro da presa.
Tamén conta con diversas casas singulares, unha praia fluvial no Búbal e na zona da estación de tren, un conxunto de murais artísticos. Neste mesmo lugar atópase unha escultura en memoria de Rodolfo Prada, intelectual galeguista, fundador das Irmandades da Fala e gran valedor de Castelao no seu exilio na Arxentina.
Os Peares
Información e contacto

Os Peares
A Peroxa/Carballedo/Nogueira de Ramuín/Pantón
Lugo/Ourense
Equipamento e servizos




Accesibilidade

