Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño

Igrexas/Capelas

Igrexa situada na cima do famoso meandro Cabo do Mundo. Santa María de Nogueira de Miño combina unha edificación de orixe románico cunha fachada do s. XVIII, a cal combina o antigo rosetón románico cunha torre campanario, no que constitúe un conxunto caracterizado por unha sabia integración de elementos.

A igrexa consta dunha soa nave, con arco triunfal e cabeceira cuadrangular cunha xanela de arco de medio punto decorada. A ábsida está precedida por un tramo recto cuberto con bóveda de canón. As catro columnas que sustentan os arcos da cabeceira presentan decoración en capiteis e baseas. Xa na nave, nun dos seus laterais, no tramo norte, aparece unha sancristía encostada e unha capela, coñecida esta como a Capela de Alba.

Tanto nos canzorros exteriores como na porta sur contan cunha rica e variada decoración, onde destacan elementos tan singulares como a presenza de seres pertencentes á fauna local, encarnados nas figuras de animais como cabras, morcegos, troitas ou anguías. De igual modo, ao exterior da ábsida cuadrangular aparece tamén unha delicada xanela con arco de medio punto.

No interior destacan as impresionantes pinturas murais restauradas na segunda década do século XXI, e que lle valeron o sobrenome da “Capela Sixtina Galega”. Realizadas coa técnica do mezzo fresco, trátase dunhas pinturas que presentan diferentes ciclos de tradición gótica e con elementos de sinal renacentista nalgunhas delas, no que constitúe unha atractiva combinación de opcións. De entre todas elas destaca a gran imaxe do Xuízo Final, na que Cristo, rodeado de anxos cos Arma Christi, preside a corte celestial no momento no que se decide o destino de humanidade. Outras interesantes escenas son os distintos episodios que ilustran o ciclo da Paixón de Cristo, a Anunciación e Coroación da Virxe, o Martirio de San Sebastián ou as imaxes do sol co Tetramorfos e a lúa cos catro ventos da bóveda do presbiterio.

Outra das peculiaridades destes ciclos pictóricos ten que ver coa presenza de numerosas trazas de montea levadas a cabo durante a reforma barroca do conxunto.

Xa no exterior, unha escaleira dá acceso á espadana onde existe unha campá que co seu son asolaga o val do Miño. Segundo o testemuño dos veciños, esta foi obxecto dunha curiosa disputa entre o párroco de Nogueira e outro dunha parroquia veciña, quen pugnaba por ver cal das dúas se facía coa campá máis grande, saíndo Nogueira vitoriosa de tan peculiar disputa.

Antes de finalizar, cabe mencionar o retablo maior de época barroca, o cal conta coa particular presenza nos laterais de dous atlantes con vestimentas de época, elemento singular na retablística da Ribeira Sacra.

É igrexa parroquial da Diocese de Lugo.

Podes facer unha visita virtual en 360º premendo aquí.

Fonte: Diocese de Lugo

Igrexa de Santa María de Nogueira

Información e contacto

Enderezo

A Eirexe

Chantada

27515 Lugo

Teléfono contacto
699122740
Horario
ACTUALIZADO ABRIL 2025
De martes a domingo, visitas ás 12:00 horas. Recoméndase reserva previa.
CONSULTAR OUTROS HORARIOS EN "RESERVAR ENTRADA"

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde

Accesibilidade

En coche
En bicicleta
Cómo chegar Cómo chegar