
16.6 Chouzán
A paisaxe que estamos vendo ao longo deste itinerario paisaxístico mudou dunha forma moi importante na década dos 50 do século XX, cando o goberno franquista emprendeu un plan de revitalización de Obras Públicas que, entre outras medidas, pretendía lograr o autoabastecemento eléctrico para o que se construirían varios encoros nos leitos do Miño de do Sil.
O encoro dos Peares comezouse a encher en 1952 e rematou no 1955, facendo neste tempo que o nivel das augas do Miño río arriba se incrementase de forma considerable, asolagando leiras, viñas e aldeas, ben parcialmente como Pincelo ou Belesar, ou ben completas como Sernande ou Portotide.
Pero había dúas igrexas declaradas Monumento Histórico Artístico no 1950, a de San Xoán da Cova (s.XII) e a de Santo Estevo de Chouzán (s. XII-XIII), que o Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional decidiu salvar, encomendando dita función a un equipo dirixido polo arquitecto Pons-Sorolla.
A Igrexa de San Xoán da Cova trasladouse en primeiro lugar, manténdose moi similar á orixinal, pero no caso de Santo Estevo de Chouzán as modificacións foron maiores, xa que pasou de ser unha igrexa con planta de cruz latina a unha loxitudinal de catro tramos, construíndo “ex novo” a nave, a sancristía o despacho parroquial e o baptisterio.
Só se conservaron as pinturas murais do Xuízo Final e outras molduras que decoraban a ábsida, e na fachada os esquinais de cantería e a espadana barroca.
Destaca tamén a estrutura feita para a súa colocación: un gran muro para a base, uns arcos que sosteñen a nave lateral e uns arcobotantes ancorados a un muro lateral levantado para o camiño de acceso á igrexa.
CASTRO DE MARCE E FERVENZA DE AUGACAÍDA
Se miramos cara a outra beira do río podemos observar un impoñente saínte rochoso onde se situaba o Castro de Marce, que segundo as lendas foi o fogar de xacias e xacios, seres mitolóxicos metade persoa e metade peixe.
Ao seu carón a desembocadura do regato Aguianza, no que un pouco máis arriba está a Fervenza de Augacaída. Cos seus corenta metros de altura que caen nunha poza antes de seguir discorrendo cara o Miño, e coa vexetación que a rodea, trátase sen dúbida dunha das fervenzas máis espectaculares de Galicia