A Pobra de Trives
A Pobra de Trives ten un pequeno pero interesante casco antigo, salpicado de pazos e prazas, reflexo da importancia da nobreza na vila.
Comezaremos o noso paseo pola vila na Oficina de Turismo, situada nun antigo edificio que foi no seu día colexio La Salle, Santa Leonor. Hoxe ese edificio alberga a oficina de turismo, Museo da Infancia e a Escola (unha exposición permanente, que relata a historia do noso país a través do mundo infantil e escolar), Centro de Interpretación (un paseo por Terras de Trives a través da música, os sons, luces, voces, obxectos... no que descubriremos a historia, os produtos, os bosques, as aldeas, coñeceremos ás súas xentes e descubriremos a montaña da vida) sala de exposicións itinerantes e biblioteca.
En dirección centro e a poucos metros atopámonos o antigo Casino, do século XIX, edificio de granito engalanado cunhas marquesiñas moi elaboradas. Nel as familias de prol xogábanse as súas fortunas ata mediados do s. XX, no que se pechou e converteuse en vivenda particular.
Enfronte do casino temos a Igrexa de Santo Cristo, inaugurada o 14 de setembro de 1885 e nela atópase o Santo Cristo traído de Terra Santa e construído con madeira do monte das Oliveiras. Seguindo a mesma beirarrúa pola que comezamos, a poucos metros atopámonos o Palacio do Marqués, mansión señorial de construción moderna, na súa fachada presenta un brasón que corresponde ao apelido Alvarado. O máis interesante atópase nos seus xardíns, decorados con auténticos restos romanos.
Uns metros máis arriba estaremos no centro da parte vella e atoparémonos coa Praza do Reloxo e nela a nosa Torre. Torre que formou parte primeiro da antiga igrexa de San Bartolomeu, derruída cando se construíu a nova. Reconstruíuse e nos anos 60 volveuse tirar. Correndo o tempo e por petición popular reconstruíuse de novo en 1995 e na súa porta unhas placas rezan 'Como son xa fun, deixádeme para sempre así'.
Seguiremos de fronte á Torre pola Rúa Real, a máis antiga da nosa vila, chea de galerías que axudan a manter a calor nas casa, viramos á esquerda na primeira rúa que atopamos e verémonos de fronte co Pazo Casanova, domicilio privado coa pedra de armas na súa fachada de granito.
Seguimos a rúa e ao dobrar a primeira esquina atopámonos na Praza Doctor Paz, antiga Praza da Pescadería, (chamada así pois era onde antigamente se vendía o peixe chegado desde Vigo), plazoleta con moito encanto onde está a casa máis antiga da vila. Volveremos á rúa principal que cruza a vila, xusto na Praza Maior ou máis coñecida como Praza do Pilón, por situarse alí unha fonte de catro caños que antigamente abastecía de auga ás casas.
Fronte a esta praza está a Casa Grande, que conserva case intacta a súa antiga configuración orixinal. O edificio distribúese ao redor dun patio central desde onde parte unha escaleira de pedra que leva á primeira planta, na fachada atópase o seu escudo de armas e a capela da casa dedicada á Virxe do Carmen. Foi pioneira en pazos de turismo rural de Galicia.
Pasearemos pola rúa principal para admirar a arquitectura de moitas das casas, casas señoriales do S. XIX construídas en granito polas familias que viñan descansar nun principio pero que terminaron por establecerse na vila e veremos tamén algunha casa indiana, chamadas así por ser construídas por emigrantes retornados e que fixeran fortuna “nas Américas”.
A Pobra de Trives
Información e contacto
A Pobra de Trives
Ourense