Dolmen de Abuime
Na parroquia de Santa María de Abuime (O Saviñao-Lugo) localízanse varios túmulos neolíticos, pero só un deles, o dolmen de Abuime, atópase coa súa cámara ao descuberto.
O dolmen e o menhir son manifestacións do período Megalítico, cuxa cronoloxía abarca desde o Neolítico Medio ata a Idade de Bronce. Neste período prehistórico, de clima cálido e chuvioso, a sedentarización paulatina da poboación favorecerá o desenvolvemento da agricultura e, por tanto, o hábitat nun territorio determinado. Próximos a eses hábitats eríxense os primeiros túmulos que, ao contrario que as vivendas, son construídos con materiais non perecedoiros para que perduren no tempo.
O dolmen de Abuime conserva seis esteos graníticos de considerable altura que definen unha planta de tres metros de diámetro. As súas dimensións evidencian unha cámara pétrea de gran tamaño que actualmente carece de cuberta. Non podemos constatar a presenza ou non de corredor xa que non se conservan a totalidade das pezas. Estes corredores eran propios do momento de maior esplendor do megalitismo e salientaban o carácter monumental do túmulo.
Finalmente, a cámara atoparíase cuberta por unha capa vexetal composta por terra e pedra miúda. É dicir, o seu aspecto final sería unha pequena montaña de terra definida por un diámetro de laxas coñecida co nome de mámoa.
Texto de Máis que Románico.
Dolmen de Abuime
Información e contacto
Sta Mª de Abuime
O Saviñao
27540 Lugo