Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Igrexa de San Cristovo de Fornas

Igrexas/Capelas

Son varios os documentos históricos que fan mención desta igrexa sita na parroquia do mesmo nome. Exemplo témolo nun códice feito en terras moi lonxanas, en concreto en Letrán (Roma), que foi redactado no ano 1224.

Foi neste tempo cando o Papa Honorio III recibiu baixo a súa protección ao abade do Mosteiro de Oseira e ás súas posesións, entre as que aparece a “ecclesiam sancti Christofori de Fornia cum ómnibus pertenentiis” (Igrexa de San Cristovo de Fornas con todas as súas posesións).

Outro texto, de época máis recente (ano de 1357), tamén fala da freguesía onde se sitúa esta construción. Neste ano, un relixioso da abadía de Oseira, en nome dos seus superiores, merca a Margarita Miguélez os bens das parroquias de Santo Tomé de Veiga e San Cristovo de Fornas. Século e medio máis tarde, o abade e bispo de Tarso, don Suero de Oca, afora a Inés López o lugar Quizudo, sito neste termo parroquial.

Estamos ante unha igrexa románica da segunda metade do século XII, feito ao que se refire unha inscrición sita no tímpano da porta principal e que se atopa moi desgastada a día de hoxe. Dunha soa nave e con ábsida rectangular, posúe unha cuberta de dúas augas realizada en madeira.

No seu exterior son de admirar diversos canzorros historiados ademais dunha fermosa ventá, sita na ábsida, con clara tendencia románica. Hoxe sábese que o edificio foi bastante modificado aínda que non se ten ningún tipo de dúbidas ao cualificar a nave e a ábsida como románicas. Parece ser que nesta última parte da igrexa se descubriron restos de pinturas dos séculos XVI ou XVII que facían referencia ao tema da Resurrección. Segundo parece, estas pinturas puideron ser realizadas polo mestre de Fornas cuxa obra se localiza na zona de Chantada.

Pintor do século XVI, a súa arte pode admirase nesta igrexa de Fornas ademais de no templo situado na chantadina parroquia de Santa Baia de Adá. Este mestre de Fornas mostra predilección polas figuras de tamaño case que natural, representándoas con moita severidade e en actitudes hieráticas e sedentes. As cores que prefería utilizar nas súas obras eran os grises e vermellos nas súas diferentes tonalidades.

San Cristovo de Fornas

Información e contacto

Enderezo

Ansoar

Chantada

27518 Lugo

Horario
O interior da igrexa está pechado, só se pode acceder contratando visita con guías oficiais.

Equipamento e servizos

De balde

Accesibilidade

En bicicleta
En coche
Cómo chegar Cómo chegar