Pena dos Castros

Outro patrimonio histórico

Trátase dun singular espazo con diversas formacións rochosas graníticas singulares, ademáis de ser o lugar onde se atopou a espada de Mouruás, coñecida como a Excalibur galega.

Rochas con nome propio como "A Raíña" ou " A Moura" forman parte deste conxunto, no que destacan unhas escaleiras talladas na mesma pedra. Pero a máis recoñecida é a Pastora, un conxunto de dúas rochas apoiadas que formaban un acubillo, e que foron dinamitadas no ano 1967 para obter pedra para a construción da estrada de San Xoán de Río.

Nesta voadura, saltou polos aires unha espada da Idade do Bronce (XI-IX a.C.) con 3.000 anos de antigüidade, clavándose diante dos obreiros. Foi entregada no Cuartel da Garda Civil, quen comunicou o seu achado ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que se encargou do seu estudio e conservación.

A espada, realizada en bronce, pesa 820 g e ten unhas dimensións de 68,5 cm de longo por 4,5 de ancho máximo na folla e 5,7 cm na garda. Encóntrase partida en dous fragmentos e consta dunha longa folla de dobre gume e unha empuñadura calada tripartita. Considérase tipoloxicamente unha produción do Bronce Final II e inscríbese no grupo coñecido coa denominación de “espadas pistiliformes”.

As circunstancias do achado fan pensar que debeu ser escondida de maneira intencionada nunha greta da roca, posiblemente tamén cunha finalidade funeraria e, ao mesmo tempo, de control dun punto de paso estratéxico, segundo interpretación de Ruiz-Gálvez. A súa ocultación respondería, pois, á mesma intención que a súa deposición nas augas: é un acto público de sucesión/competición polo poder, mediante a amortización dun obxecto de valor social, dun símbolo de rango que distinguiría a preeminencia dos xerarcas locais, en sociedades onde a natureza do poder non está institucionalizada. Do mesmo xeito que o xesto do Rei Arturo, arrincando a espada da roca na que estaba cravada, é un acto público de lexitimación do seu ascenso ao oficio rexio.

 

Cómo chegar Cómo chegar