

Portomarín

A vila naceu á ribeira do río Miño e tiña dous barrios, o de San Juan e o de San Pedro.
No ano 1963, coa construción da presa de Belesar, o vello Portomarín quedou alagado polas augas do Miño. A vila reconstrúese sobre un outeiro, dotando ao novo trazado de certo sabor medieval con rúas empedradas e casas con soportais. Por este motivo se trasladaron ao novo emprazamento, pedra a pedra, a igrexa románica de San Juan e a de San Pedro, e outros edificios de relevancia.
A vila adquire gran importancia durante a Idade Media, por ser lugar de paso dos peregrinos que se dirixen a Santiago. Aquí chegaron os Cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén no século XII para facerse cargo do hospital e comezaron a construción da igrexa de San Juan, que preside a praza da vila.
A igrexa de San Juan, actualmente de San Nicolás, ten aspecto de igrexa-fortaleza con torres e ameas. É unha obra realizada a finais do século XII e principios do XIII. Vincúlase a súa construción a algún colaborador do mestre Mateo. Ten unha soa nave e unha ábsida semicircular. Destaca a súa fachada principal cun fermoso rosetón e a portada con tres arquivoltas. Nunha delas están representados os 24 Anciáns da Apocalipse. No tímpano podemos ver a figura do Pantocrátor.
Pasamos por diante da porta sur da igrexa e ao fondo da rúa vemos o albergue de peregrinos. Pola rúa que pasa polo lateral esquerdo chegamos á igrexa de San Pedro. Da súa fábrica románica conserva a portada principal, con arco de medio punto e tímpano bilobulado, apoiado sobre dúas mochetas con cabezas de touro.
Outra visita obrigada na vila é un dos arcos da ponte romana do século II, que se salvou das augas do encoro e que hoxe en día se pode ver nun dos extremos da ponte nova.
Cando baixan as augas do encoro de Belesar aparece a ponte vella que cruzaba o río e os cimentos do vello Portomarín.
Non o perdas!
Non podemos deixar de probar a súa famosa torta de améndoa e os seus viños acollidos á Denominación de Orixe de Ribeira Sacra.
En Semana Santa celebra a súa famosa festa da augardente.
Portomarín
Información e contacto

Portomarín
27178 Lugo
