
16.8 Presa de Peares
Esta foi a primeira das grandes obras de aproveitamento hidroeléctrico do Miño que incluíron Peares (1955), Belesar (1963), Velle (1966), Castrelo de Miño (1968) e Frieira (1969).
EMBALSE DOS PEARES
Para comprender mellor estas obras temos que trasladarnos a unha España na que, tralas feridas da Guerra Civil (1936-1939), xa non se fan inversións e hai dificultades para importar materiais, así que a produción eléctrica queda estancada, provocando que nos anos 40 e ata o 55 sexan habituais os apagóns nos fogares españois.
Nesta situación, o goberno franquista aposta por crear unha importante rede de novos encoros, que garantan o abastecemento eléctrico preciso para o desenvolvemento industrial, evitando depender de enerxía foránea.
O encoro dos Peares inicia a súa construción en 1945, en 1952 comeza a encherse e en 1953 arranca a produción eléctrica, aínda que non se remata e inaugura ata 1955.
Nesa época era, con diferencia, o maior de Galicia cunha potencia de 151MW (hoxe en día son 159,1MW) multiplicando por 6 ao encoro das Conchas.
Grazas a este aumento na cantidade de enerxía producida e aos proxectos dos outros encoros, esta electricidade enlaza con liñas que a levaron primeiro ao norte de Galicia e máis adiante cara o resto de España.
Este encoro ten unha parede de 94 metros de altura, embalsa 182 hm3 e a súa cola ten unha lonxitude duns 24 quilómetros, chegando ata a aldea de Belesar, onde poucos metros máis arriba atopamos o encoro do mesmo nome. Este foi rematado en 1963 e superou ao de Peares en todos os ámbitos con 132 metros de altura, 655hm3 de capacidade, unha cola de 50 km e unha potencia de 227MW (hoxe 330MW).
O POBOADO
Debido á gran cantidade de traballadores necesarios para a construción e funcionamento do encoro, foi preciso traelos doutras poboacións. Para acollelos construíuse un poboado de 12 edificios nunha escarpada ladeira, tan só uns metros
máis abaixo da parede do encoro.
Foi deseñado polo arquitecto Antonio Tenreiro Brochón, que proxectou edificios de dúas plantas, con muros cubertos de cal e cemento salpicado, zócalos de pedra ou lousa ao igual que as chemineas, tellados de lousa e carpintería de castiñeiro.
Tiña todos os servizos necesarios, incluída una escola e unha capela, que tras a remodelación dun antigo edificio administrativo se converteu nun dos exemplos de arquitectura moderna en Galicia que recoñece o DOCOMOMO (Organismoespecialista neste tipo de arquitectura).
Cando deixou de ser de utilidade quedou abandonado durante décadas ata que foi rehabilitado a comezos do século XXI, sendo hoxe en día un Centro de Inmersión Lingüistica, onde numerosas persoas veñen a aprender inglés.