
17.4 San Adrián
Aparece fronte a nós, do outro lado do río, a zona coñecida como Amandi, unha das subzonas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que ten as ladeiras con maior inclinación e quizais os viños máis afamados.
En total hai en Amandi 185 hectáreas de viñedo, cultivadas por máis de 300 viticultores e transformadas en 33 adegas (Datos: D.O Ribeira Sacra 2022) . O Concello de Sober celebra, dende o ano 1981, a Feira do Viño de Amandi para poñer en valor os caldos deste lugar. Esta festa, que se celebra a fin de semana de Ramos, xa alcanzou o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego.
NECRÓPOLE DE SAN VÍTOR DE BARXACOVA
Desde aquí, ladeira arriba e a menos de dous quilómetros, atopamos San Lourenzo de Barxacova. Ademais dunhas extraordinarias vistas do Sil, podemos observar nas súas casas brasóns e motivos decorativos que nos recordan a importancia que tivo esta aldea.
Saíndo da aldea, a uns 500 metros, chegamos á Necrópole de San Vítor de Barxacova. Este lugar presenta 35 tumbas antropomorfas escavadas directamente na rocha, que datan entorno ao século X e que se vencellan a unha comunidade rural desaparecida. Ao seu carón, na cima dunha gran rocha, sábese que existiu unha capela, e quizais unha construción anterior, das que non quedan máis que marcas e restos.