Galería
Galería

A mitra ardente

Lendas e seres mitolóxicos

Cóntanos a tradición oral que, entre o pazo condal e o mosteiro de san Vicente do Pino, en Monforte de Lemos, había un pasadizo. Este era utilizado polo abade de San Vicente, cando o Conde estaba ausente, para manter un romance coa filla do Conde de Lemos -noutras versións coa esposa- .

 

Ao retornar o Conde dunha encomenda do rei decátase en segredo da aventura amorosa. Planea a súa vinganza e decide organizar unha fabulosa comida convidando como comensal de honra ao abade. Mentres se serven as sobremesas, o Conde dá orde aos seu vasallos de que traian o premio principal, unha mitra de ferro candente coa que coroa ao abade, ocasionándolle unha espantosa morte.

É unha desas lendas que máis veces foron transcritas na literatura galega. Dende o Pai Sarmiento na Historia e Tradicións de Galicia; José Pastor de la Roca na súa obra La corona de fuego y los subterráneos de Altamira; Antonio San Martín en Horrores del feudalismo: la torre de los vampiros; Benito Vicetto en La Corona de Fuego e en Los Hidalgos de Monforte; Galo Salinas na obra Lenda de horrore! A mitra de ferro ardente, e a máis coñecida de Amor Meilán en La Corona de Fuego y el Secreto de una Tumba.

Todas teñen en común anacronismos e deformacións producidas a través dos séculos na tradición oral. Mesturan personaxes históricos de diferentes épocas como ao VII e VIII Conde de Lemos ou ao abade Diego García e frei Andrés Pardo, tamén abades de San Vicente, pasadizos secretos entre a fortaleza e o río Cabe ou entre o Palacio Condal e o Mosteiro.

Os estudosos do tema descartaron visos de realidade na lenda. Con todo, recentes estudos da documentación orixinal realizados polo historiador local Felipe Aira, demostran que si existiu un pasadizo entre o palacio e o convento.

A lenda ten moito arraigamento en Monforte de Lemos aínda a día de hoxe, tanto é así que os dous abades eran tidos por santos e venerados na cidade. Aos restos de frei Andrés Pardo atribuíaselle a curación de males de oído, fama que se fundiu coa tradición de San  Blas e os males de garganta. Co paso dos séculos, o abade foi caendo no esquecemento e prevaleceu a tradición das cintas de San Blas.

Sartego abade don Diego Garcia III

Información e contacto

Enderezo

Monforte de Lemos

Lugo

Cómo chegar Cómo chegar