Programa piloto apertura de igrexas románicas 2026
O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Diocese de Lugo, dá continuidade este ano ao programa piloto para a apertura dunha selección de igrexas románicas. Esta iniciativa, posta en marcha o pasado ano, mantense co obxectivo de seguir avanzando cara a unha solución sostible a medio e longo prazo, adaptable en función dos resultados obtidos e da valoración das persoas visitantes.
Ribeira Sacra, 24 de marzo de 2026
Ribeira Sacra alberga unha das maiores concentracións de arte románico rural de Europa, o que a converte nun destino de gran valor patrimonial e cultural. As súas igrexas destacan non só pola súa impoñente arquitectura exterior, senón tamén pola riqueza dos seus interiores, onde se conservan valiosas pinturas murais, retablos e outros elementos artísticos de gran interese.
Para que resulte máis fácil descubrir este patrimonio, a iniciativa regresa para seguir achegando este legado a visitantes e persoas interesadas.
DATAS DO PROGRAMA
Esta nova edición desenvolverase do 28 de marzo ao 30 de xuño de 2026 (fin do PSTD Ribeira Sacra. Compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua).
IGREXAS ABERTAS AO PÚBLICO
- San Pedro de Bembibre (Taboada)
- Santiago de Lousada (Carballedo)
- San Miguel de Eiré (Pantón)
- San Xillao de Lobios (Sober)
- Santa María de Nogueira de Miño (Chantada)
- San Vicente de Pombeiro (Pantón)
- San Vicente de Pinol (Sober)
- Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)
HORARIOS E TARIFAS
Os horarios de apertura poderán consultarse na imaxe adxunta. As aperturas realizaranse tendo en conta as celebracións litúrxicas e os actos pastorais programados. Os horarios poderán sufrir cambios puntuais por oficios relixiosos ou por outros motivos alleos ao programa.
A tarifa xeral establecida será de 2 € por persoa e igrexa. Para grupos de ata 25 persoas establécese unha tarifa de 1,5 € por persoa e igrexa. Esta achega ten como finalidade contribuír aos gastos de conservación, restauración e mantemento das parroquias, así como aos seus gastos correntes.
Entrada gratuíta para:
- Menores ata 12 anos acompañados dunha persoa adulta.
- Membros acreditados/das do ICOM (International Council of Museums) ou de ICOMOS (International Council of Monuments).
- Guías de turismo profesionais, debidamente acreditados/as.
- Titulares da Tarxeta Acreditativa de Discapacidade (en caso de baremo de terceira persoa recoñecido, o acompañante tamén terá a entrada gratuíta).
- Persoas desempregadas, debidamente acreditadas.
- Residentes no mesmo concello debidamente acreditados (DNI, padrón ou contrato de arrendamento en vigor.
CONDICIÓNS DO SERVIZO, NORMAS DE USO E SEGURIDADE:
- Salvo autorización expresa, non están permitidas a toma de imaxes e/ou audio no interior das igrexas.
- As visitas turísticas e culturais ás igrexas teñen un carácter excepcional e en todo caso, deberán ser conformes ó Canon 1210 do Código de Dereito Canónico, respectando a santidade dos lugares, os obxectos de culto -preservando especialmente o espazo do presbiterio, co altar e ambón- así como a doutrina da Igrexa Católica de acordo ás leis de liberdade relixiosa co fin de que se evite calquera tipo de escándalo para os fieis.
- Ao término da mesma os ocupantes obríganse a deixar a propiedade, libre e limpa, sen demora de ningunha clase e en perfecto estado de tódolos bens.
- Aos efectos de preservar o estado da fábrica e dos bens mobles das devanditas igrexas parroquiais, non está permitido utilizar no interior da mesma e no seu exterior inmediato ferramentas ou instrumentos que poidan producir residuos de calquera tipo (serrín, polvo, elementos en suspensión, etc.). Tampouco se permite fumar, comer ou consumir bebidas dentro das igrexas a excepción do consumo de auga.
- Con carácter xeral, non está permitido mover obras de arte ou mobles. Do mesmo xeito, prestarase especial atención aos elementos murais e decorativos de calquera tipo que se atopen na igrexa, quedando estrictamente prohibida calquera intervención ou acción sobre os mesmos.
- Os horarios poden sufrir cambios puntuais por oficios relixiosos ou outros motivos alleos ao programa.
- O prezo da entrada correspóndese coa tarifa establecida por persoa e igrexa pola administración diocesana de Lugo.
- Non se inclúe servizo de guía.
- AFORO MÁXIMO: non poderá haber máis de 25 persoas no interior da igrexa. Se o aforo está completo, irán entrando visitantes a medida que saian outros do interior. Neses casos, o persoal responsable da apertura estará habilitado para limitar a visita a uns 15 minutos. para facilitar a accesibilidade de todos os visitantes. Os GRUPOS de máis de 25 persoas deberán entrar graduados seguindo as indicacións do persoal encargado.
Os gastos do persoal encargado de abrir as igrexas, recibir aos visitantes, deseño gráfico, maquetación e produción dos soportes de comunicación, contratación de publicidade, etc. son asumidos con cargo a o “Plan de Sustentabilidade Turística en Ribeira Sacra, compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua” (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NEXTGENERATIONEU).
RESERVA DE PRAZAS