Cova do Mario
Durante a Guerra Civil (1936-1939) e os primeiros anos da posguerra, estes escarpados terreos do Canón do Sil foron refuxio dos maquis: os guerrilleiros da resistencia fuxidos do poder golpista, e perseguidos por este. Mario Rodríguez Losada, coñecido como Mario de Langullo ou O Pinche, foi un deles, ademais do derradeiro maquis de toda España.
Nado nunha aldea do concello de Manzaneda, Mario tiña 22 anos cando comezou a guerra, e fuxiu ao monte para non ser chamado a filas. Puido salvar a vida así agochado, entre o Canón do Sil e os montes de Manzaneda, ata que logrou escapar a Francia máis de 30 anos despois. Namentres, dirixiu un grupo guerrilleiro que foi moi coñecido nestas terras.
Mario tiña moitos refuxios no monte, pero esta cova foi un dos seus preferidos por ser pouco visible e a súa inaccesibilidade.
Para chegar, unha vez deixemos o coche ao pé da estrada, debemos camiñar uns 900 metros por un camiño perfectamente marcado con sinais e marcas de color vermello. Os primeiros 500 metros percórrense por unha pista forestal, os seguintes 300 atravesando un piñeiral e os 100 últimos son por un terreo moi escarpado. O percorrido total de ida e volta levaranos aproximadamente 40 minutos.