Eclipse solar 2026 en Ribeira Sacra

O próximo 12 de agosto de 2026 terá lugar un acontecemento astronómico excepcional: unha eclipse total de Sol visible desde boa parte da península Ibérica e Galicia será o primeiro territorio de España desde o que poderá contemplarse este fenómeno, que coincidirá coas últimas horas da tarde.

Ribeira Sacra, 18 de marzo de 2026

En Ribeira Sacra, a eclipse poderá vivirse nunha contorna marcada pola amplitude da paisaxe e a presenza de numerosos puntos con vistas abertas. Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o fenómeno verase de forma total en parte do territorio e de forma parcial noutros concellos, onde a porcentaxe de oscurecemento será igualmente moi elevado.

Así se verá a eclipse en Ribeira Sacra

Concellos de Ribeira Sacra nos que a eclipse será total:

A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, A Teixeira, Bóveda, Castro Caldelas, Chantada, Manzaneda, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Sober e Taboada, 

Concellos de Ribeira Sacra nos que a eclipse será parcial:

  • A Peroxa: 99,96% de oscurecemento
  • Carballedo: 99,99% de oscurecemento
  • Chandrexa de Queixa: 99,99% de oscurecemento
  • Esgos: 99,94% de oscurecemento
  • Montederramo: 99,96% de oscurecemento
  • Nogueira de Ramuín: 99,97% de oscurecemento
  • O Pereiro de Aguiar: 99,92% de oscurecemento
  • Parada de Sil: 99,99% de oscurecemento
  • Xunqueira de Espadanedo: 99,95 % de oscurecemento

Estos datos foron obtidos a partir do visualizador oficial do IGN.


Horario aproximado

En Galicia, a eclipse comezará ao redor das 19:31 horas, alcanzará o seu máximo ao redor das 20:28 horas e finalizará cara ás 21:22 horas, uns minutos antes da posta de sol. En Ribeira Sacra comezará apromidamente un ou dous minutos máis tarde, dependendo do concello e punto de observación (é un destino moi amplo en territorio). En todo caso, recoméndase consultarl os horarios de forma específica no visualizador oficial do IGN.

Como inflúe o relevo na observación

O visualizador do IGN incorpora unha capa de visibilidade que permite comprobar como pode afectar o relevo á observación da eclipse en cada punto concreto. Isto significa que, aínda que nun concello a eclipse figure como total, pode haber zonas desde as que non chegue a verse correctamente no momento de máximo porque unha montaña ou elevación do terreo oculte o Sol. No mapa do IGN, esas áreas aparecen sinaladas en negro. O propio IGN indica ademais que esta simulación ten en conta o relevo do terreo, pero non árbores nin edificios.

RECOMENDACIÓNS

  • Elixe puntos con boa visibilidade cara ao horizonte, especialmente tendo en conta que a eclipse terá lugar á tardiña.
  • Consulta previamente o visualizador oficial do IGN e a súa capa de visibilidade, xa que nalgúns puntos o relevo pode ocultar o Sol no momento de máximo.
  • Planifica con antelación o punto de observación e acode con tempo suficiente, xa que se prevén numerosos desprazamentos ese día.
  • Non mires nunca ao Sol directamente, nin a primeira ollada nin con lentes de sol convencionais.
  • Utiliza unicamente lentes de eclipse homologadas, con referencia á norma ISO 12312-2:2015 e marcado CE no caso de produtos comercializados na Unión Europea.
  • Non uses nunca métodos caseiros como radiografías, cristais afumados, CDs, disquetes ou filtros non homologados. Atención aos vidros ou filtros de soldador. 
  • Non observes a eclipse con prismáticos, cámaras, telescopios ou outros aparellos sen filtros solares adecuados, xa que poden causar danos graves e irreparables na vista.

Consulta as recomendacións ampliadas do IGN aquí.


Unha noite especial para seguir mirando ao ceo

A xornada da eclipse coincidirá ademais cun dos momentos máis propicios do ano para a observación astronómica, xa que o máximo das Perseidas producirase na noite do 12 ao 13 de agosto de 2026. Deste xeito, a eclipse solar poderá converterse tamén no inicio dunha noite especialmente atractiva para gozar do ceo en Ribeira Sacra.

Máis información: Instituto Xeográfico Nacional (IGN) | Turismo de Galicia

Onde durmir | Onde comer | Oficinas de Turismo en Ribeira Sacra