Festa da Pisa da castaña de Purdeus (Parada de Sil)
A pisa da castaña é unha práctica centenaria típica de territorios de interior onde abunda o castiñeiro, como é o caso da localidade de Parada de Sil, e que actualmente está a caer en desuso.
Nesta festa poderemos asistir á recreación da pisa da castaña, un labor habitual outrora nos pobos do interior de Galicia; preparábase a castaña para a súa almacenaxe e posterior consumición durante todo o inverno.
O froito era colocado no que denominamos sequeiro, un edificio destinado exclusivamente a esta tarefa. No seu interior albergaba un piso de táboas de madeira dispostas cunha separación dun centrímetro entre si, sobre o que se colocaban as castañas. Estas deixábanse secar durante varios días, poñéndolles lume por baixo, e dándolles volta habitualmente con un rodo (instrumento de madeira). Despois de secarse correctamente, metíanse nunha bolsa de lona e golpeábanse contra un tronco de madeira coñecido como pisón. Xa por último, limpábanse, refugando as peles, nunha criba.
Tras a recreación, os asistentes sentan á mesa nunha comida popular onde a castaña é tamén protagonista na meirande parte dos pratos.
Data: penúltimo sábado de novembro