Igrexa de San Paio de Diomondi
Un epígrafe no interior do tímpano da porta principal sinálanos a data de 1170. As primeiras fontes documentais remítennos ao século VIII, aparecendo o bispo Odoario. Fernando II e Afonso IX tamén beneficiarán con doazóns e privilexios ao mosteiro, sendo confirmadas por papas como Alejandro III e Lucio III. Na actualidade depende do Bispado de Lugo e exerce como igrexa parroquial , tras ser restituída ao bispado nunha ocasión polo rei Fernando III en 1231. Sendo esta, principios do século XIII, a data do seu remate.
Arquitectonicamente segue o modelo de ábsida, de cabeceira semicircular precedida dun tramo recto, con arco de medio punto triplo que conecta coa nave única e decorado cun billeteado. Segundo algúns autores lémbrannos ao taller de Pratarías da Catedral de Santiago de Compostela.
Tres ventás a media altura con arco de medio punto sobre columnas iluminan a nave. Na ábsida tamén tres ventás iluminan o interior, aínda que só se traballase con arco de medio punto e ventás a central, tanto ao interior como ao exterior.
Na nave observamos unha posible intención de cuberta con bóveda , aínda que non chegou a realizarse, e solucionouse cunha cuberta de madeira sostida por arcos apuntados que descansan sobre uns curiosos capiteis para o románico do momento. As ventás interiores posúen unha sinxela decoración. Na nave as do lado norte quedaron cegadas pola anexión do edificio do antigo palacio episcopal utilizado até os tempos do Bispo Aguirre no século XIX como residencia de verán. No interior uns arcos de medio punto decorados con chambrana construíronse probablemente coa intención de albergar sepulcros que non chegaron a realizarse.
En canto á decoración, a imposta de billetes aparece en varias partes do edificio reinterpretada tanto no interior como no exterior, e coidanse especialmente as portas laterais norte e sur e a principal, que se articula en tres vanos, os laterais cegos.
En dita porta principal a organización dunha amplia arquivolta de catro arcos de medio punto labrados en bocel e medias canas con grupos de pequenas bólas, sendo a arquivolta exterior de billetes. As columnas sobre as que se apoian as arquivoltas son de mármore do país. Os capiteis mostran simétrica decoración pareada, centauros, cuadrúpedos, aves e cans; nesto a simetría rómpese ao posuír os dun lateral cabeza humana nun deles. De novo os centauros remítennos a Praterías. As batentes da porta tamén nos amosan animais, quizáis lobos ou cánidos ameazantes.
As portas laterais amosan tamén unha delicada decoración. A norte só se pode apreciar desde o interior, e presenta unha fina decoración de billetado que se repite por toda a igrexa. Así como dúas cabezas de cánido nas batentes. A porta sur interiormente repite a decoración de billetes, ao exterior presenta un tímpano con dobre fileira de arquiños cegos, e a simetría sopréndenos de novo nas batentes, neste cas con dous bois finamente labrados.
En canto á advocación da igrexa, San Paio é un mártir do século IX que foi decapitado en Córdoba por orde de Abderramán. De orixe galego, as súas reliquias venéranse en Córdoba. Adóitase representar con aspecto adolescente debido á súa xuventude ao morrer e sostendo unha palma de martirio.
Recórdase aínda na memoria colectiva da parroquia o veraneo dos diferentes obispos de Lugo, para o que se construíu un palacio que se adosou ao edificio románico. Un derrumbe, recentemente reconstruído, en dito palacio arruinou a fachada do século XV, e mostra posibles restos románicos.
No entorno da igrexa atoparémonos con referentes importantes da arquitectura tradicional galega como un pombeiro, na horta do palacio, ou un lavadoiro e un forno; e moi próximo un bonito conxunto de hórreos. Non podemos olvidar que ademáis a igrexa se atopa moi próxima ao paso do Camiño de Inverno a Santiago, onde comeza precisamente a baixada polos Codos de Belesar para logo na aldea cruzar o río Miño.
Foi declarada Monumento Nacional no ano 1931.
Podes facer unha visita virtual en 360º premendo eiquí.
San Paio de Diomondi
Información e contacto
Diomondi
O Saviñao
27548 Lugo