Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Igrexa de Santa María de Torbeo

Igrexas/Capelas

Santa María de Torbeo é unha igrexa románica do século XIII. Pola toponimia da zona e algúns documentos que se conservan, parece que puido pertencer ao desaparecido mosteiro beneditino de San Pedro de Torbeo, lugar de enterramento de Vasco Pérez de Quiroga.

No ano 1936, un incendio destruíu a igrexa e foi restaurada en 1945. Conserva a planta primitiva, aínda que modificada cando se lle engade a sancristía no século XVI, e as dúas capelas laterais no século XVIII, de tamaño reducido. Ten unha soa nave rectangular, de gran sobriedade, e unha ábsida semicircular. A fachada está coroada por unha espadana.

No interior, o arco de acceso ao presbiterio é apuntado. Está decorado por unha moldura exterior ou chambrana axadrezada. O arco menor descansa sobre capiteis con decoración figurada. Á dereita pódense ver dous leóns rampantes enfrontados e no centro, o Cristo na mandorla. Á esquerda, dous leóns cun arbusto no medio.

Interesante é a pía bautismal do século XII, realizada en granito. Ten 120 centímetros de diámetro e pesa arredor de 800 quilogramos. É un dos poucos exemplares de pías de inmersión que se conservan en Galicia. Está decorada con motivo xeométrico e un salmón, xa que ten catro aletas. Poida que simbolice a resurrección, xa que o salmón remonta os ríos para deixar descendencia antes de morrer. Ten unha inscrición en latín que significa “sen mancha do pecado orixinal”.

O exterior da ábsida presenta unhas ventás completas con arco de medio punto apoiadas sobre columnas e con moldura de axadrezado.

Igrexa de Santa María de Torbeo

Información e contacto

Enderezo

Torbeo

Ribas de Sil

27317 Lugo

Horario
O interior da igrexa está pechado, só se pode acceder contratando visita con guías oficiais.

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde

Accesibilidade

En coche
En bicicleta
Cómo chegar Cómo chegar