Itinerario de Interés Paisaxístico San Fiz - Os Peares

SAN FIZ -  OS PEARES

Este Itinerario de Interese Paisaxístico transita as estradas que circulan seguindo o curso do río Miño por ambas ribeiras, nun percorrido duns 40 quilómetros marcados pola beleza da paisaxe.

Comezamos en San Fiz de Asma (Chantada) cunhas espectaculares panorámicas do cultivo de vides en socalcos, que río abaixo vanse mesturando con vizosos bosques de carballos, castiñeiros, piñeiros ou érbedos. Completan a paisaxe leiras e cultivos de cerdeiras e outros frutais, facendo deste territorio unha mestura de natureza salvaxe e aproveitamento humano.

 

Tamén chamarán a nosa atención moles rochosas de gran envergadura ou pequenos regatos que desembocan no Miño, formando en ocasións fervenzas de gran beleza. E todo isto salpicado por pequenas aldeas de ribeira que conservan o encanto das construcións tradicionais e manteñen un importante patrimonio histórico, como as igrexas de Santa María de Nogueira de Miño, Santo Estevo de Chouzán ou San Xoán da Cova.

 

O traxecto remata nos Peares, o lugar onde se unen o Miño e o Sil e que paradoxalmente pertence a dúas provincias e catro concellos. Aquí poderemos observar grandes obras de enxeñería, como a presa dos Peares, a ponte do ferrocarril ou o viaduto da estrada nacional N-120.