Mosteiro de San Pedro de Rocas
O mosteiro de San Pedro de Rocas está situado no monte Barbeirón, rodeado de formacións rochosas que puideron darlle nome a este lugar.
Grazas a unha lápida fundacional, sabemos que no ano 573 seis homes herdan este lugar, o que nos leva a pensar no inicio dunha posible vida en comunidade. É San Pedro de Rocas un dos primeiros lugares en Galicia en que se produce o paso da vida en solitario á vida en grupo.
No século IX a vida rexurde no conxunto de Rocas en tempos de Afonso III o Magno, cando habería que facer mención á figura do cabaleiro Gemodus, que aparece como restaurador do mosteiro.
Desde o século X, San Pedro de Rocas foi un mosteiro sempre dependente de Celanova, aínda que durante parte do século XII estivo vinculado co de Santo Estevo de Ribas de Sil.
A finais do século XV impúxose en Galicia a reforma beneditina, o que supuxo a agrupación de mosteiros e San Pedro de Rocas quedou incorporado como priorado administrativo a San Salvador de Celanova. Termina a vida do cenobio como mosteiro autónomo, pasando a ser unha parroquia rexida por monxes até a desamortización.
O mosteiro sufriu varios incendios importantes. Un deles, no século X, destruíu o arquivo. En 1928 temos documentado outro que será fulminante e reduce San Pedro de Rocas a un estado deplorable. Tómase a decisión de non restaurar a igrexa e edificar unha nova, máis sinxela, en Quinta do Monte. Alí serán trasladadas as campás e construirase un novo cemiterio.
O primeiro que nos atopamos ao chegar é o que se coñece como Casa Prioral, edificio de finais do século XVII que probablemente ocupa o solar onde estaba o primitivo mosteiro, que desapareceu tras ser destruído nun dos múltiples incendios que arrasaron este lugar. Na actualidade acolle un centro de interpretación de Ribeira Sacra.
Ao seu lado está a igrexa que é con toda seguridade a parte máis importante do conxunto arquitectónico. A finais do século VI non existiría nada do que actualmente conforma o conxunto fóra das covas. Tres covas escavadas na montaña e nelas vivirían seis homes, facendo unha vida semicomunitaria ou talvez xa en completa comunidade. Sabemos que estes constituían un grupo cristián. A igrexa foi conformada tal e como a vemos hoxe en día entre os séculos XII e XIII. Dotouse ás naves dunha fachada por medio de arcos engadidos en dous dos accesos ás mesmas. Ten unha capela central e dous laterais. Mirando de fronte desde a porta de acceso, na capela lateral esquerda atópase un sepulcro baixo un arco, quizais o de Gemodus. Na parede que queda baixo o arco, entre os anos 1175 e 1200, realizouse unha pintura mural, sen precedentes en Galicia, que ten a peculiaridade de ser o único mapamundi mural que ata agora se coñece de época románica. O mapa describía a diáspora apostólica, aínda que os problemas de humidade deteriorárono.
Outra das peculiaridades de San Pedro de Rocas é que conserva no piso da igrexa unha serie de sepulcros antropomorfos.
A fachada actual da igrexa erixiuse no século XIX e foi concibida imitando o estilo construtivo da Casa Prioral.
O campanario foi, e probablemente será, o símbolo deste mosteiro. Aínda que se trata dunha espadana bastante frecuente en Galicia, faina diferente de todo o que ata agora poidamos ter visto a súa localización, xa que se atopa sobre un monólito de rocha natural de gran altura.
Outro dos espazos de obrigada visita é a fonte de San Bieito, da que se di que as súas augas son milagrosas. É un chafariz natural onde vén a auga por entre os penedos. Esta fonte dedicouse por tradición dos aldeáns a San Bieito. Antigamente dicían que a quen metía unha verruga na auga e rezaba un Nosopai, él curábao.
Podes facer unha visita virtual en 360º premendo eiquí.
Non o perdas!
Recomendámosvos visitar o Centro de Interpretación de Ribeira Sacra. Atópase situado no edificio prioral que forma parte do conxunto de San Pedro de Rocas. No seu interior atópase unha exposición dividida en dúas plantas: na superior explícanse os oficios tradicionais da zona e a parte inferior queda reservada a interpretación da vida monacal no mosteiro, a paisaxe de Ribeira Sacra e a historia do lugar.
Mosteiro de San Pedro de Rocas
Información e contacto
San Pedro de Rocas
Esgos
32720 Ourense