Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Muíños do Xabrega

Outro patrimonio histórico

No regueiro do Xabrega atópase o máis importante conxunto de muíños do municipio de Sober. En pouco máis de tres quilómetros de lonxitude, as súas augas movían 28 muíños e dous batáns. Este excepcional conxunto etnográfico foi restaurado parcialmente polo taller municipal de emprego, no tramo comprendido entre a aldea da Boca e a desembocadura do regueiro no Sil, no lugar dos Chancís.
 

Pódense visitar facendo unha ruta que comeza no lugar de Pouso do Branco, a 500 metros da aldea de A Boca. O sendeiro baixa ao principio cara o regueiro do Xabrega. O primeiro muíño que se atopa é o de Roque do Arroxó, de rexos muros e en bo estado de conservación. Agora hai que camiñar polo muro do caneiro ou canle de condución da auga para visitar os dous muíños seguintes, chamados de Nemesio da Boca. En ambos os dous casos rehabilitáronse integramente os muros, o cubo e a cuberta. O de maiores dimensións tiña habilitada no seu interior unha estancia que era utilizada polo propietario para descansar.

De volta ao sendeiro, hai que cruzar o regueiro por uns pasadoiros de pedra e volver camiñar polo caneiro, que agora dá acceso ao muíño do Ramiro da Boca, tamén restaurado integramente. Nesta zona pódese observar a altura á que se elevan os caneiros, que parecen verdadeiros acuedutos.

A continuación hai outros dous muíños, chamados do Chucán do Couto. No primeiro consolidáronse os muros e sobre o segundo construíuse unha plataforma para poder observar o funcionamento do rodicio, ao que foi adaptado un xerador eléctrico. Este lugar era denominado A Calzada, xa que por aquí pasaba unha calzada romana, os restos da cal se poden apreciar neste tramo.

O seguinte muíño é o dos Nabás, do que só quedan os muros. Neste lugar, coñecido como A Alvariza, o camiño bifúrcase. O ramal da esquerda bordea un saliente rochoso, discorre entre altos muros de pedra e únese novamente, douscentos metros máis adiante, ao camiño principal. Hai que seguir polo camiño da dereita, que cruza o regueiro por unha pequena ponte de pedra e conduce seguidamente ao muíño do Conde de Camilo. Esta construción conserva en bo estado os seus altos muros e no seu interior gárdanse dúas pedras de muíño que funcionaban de forma simultánea. Unha delas fíxose con granito do país e a outra é do tipo denominado albar –de pedra máis fina-, coa que se moía o trigo. Este lugar chámase As Garduñeiras, nome relacionado co carácter abrupto e boscoso do terreo.

Muíños do Xabrega

Información e contacto

Enderezo

Sober

Lugo

Equipamento e servizos

De balde
Aparcamento
Cómo chegar Cómo chegar