
Muralla e Vila Medieval de Manzaneda

Levantada por iniciativa real no século XII, a muralla de Manzaneda mostra o seu legado medieval.
A Vila Medieval de Manzaneda pasou a mans da liñaxe Osorio, Condes de Lemos, coñecidos por impoñer elevadas cargas fiscais aos campesiños. Esta situación levou a que a vila se convertese nun dos focos dq revolta Irmandiña a finais do século XV, provocando a destrución parcial do Castelo de Manzaneda, posiblemente dun antigo torreón medieval. Pouco despois, o control do lugar pasou á familia Sarmiento, Condes de Ribadavia, que deixou a súa pegada na zona coa construción do cárcere dos Sarmiento e a transformación da antiga torre medieval nunha moderna fortaleza.
A muralla contaba cunha lonxitude orixinal de 400 metros, aínda que hoxe apenas son visibles 100, debido a que gran parte quedou oculta polas construcións encostadas co paso do tempo. A estrutura tiña unha base de 5 metros de grosor, reducíndose a 2,5 metros na parte superior, cunha altura que alcanzaba os 10 metros. Actualmente, a única entrada á Vila Medieval que permanece en pé é A Porta da Vila. Trátase do lugar perfecto dende o que comezar un paseo pola súa zona vella e gozar das súas rúas empedradas.