Muralla Medieval
A muralla orixinal foi levantada entre os séculos XII e XIII. No século XV foi reconstruída e mellorada tras ser parcialmente destruída nas Revoltas Irmandiñas.
A construción é unha excelente representación do poder feudal, ten un perímetro de máis de 800 metros con varias torres e portas. A Porta Nova presenta un arco de medio punto co escudo dos Condes de Lemos; a Porta da Alcazaba é máis antiga que a anterior. Comunicaba a cidade intramuros co río Cabe e coa Ponte Medieval. Nalgunha época foi coñecida como Porta de Peixarías xa que na súa contorna atopábanse os postos de carne e peixe, ademais dun mercado con todo tipo de produtos.
Intramuros estableceuse a comunidade xudía que foi unha das máis numerosas de Galicia, convertendo o burgo medieval de Monforte en zona de ámbito xudeu. A comunidade xudía dedicábase ao comercio da seda, os panos, a pratería,... moitos eran profesionais da medicina ou a avogacía en rúas de ámbito xudeu como a Falagueira, A Calexa, Peixarías, Zapaterías,...
A rúa Falagueira é unha das máis importantes historicamente e unha das máis pintorescas. Une a Porta da Alcazaba e a Porta Nova, polo que era o eixo principal da cidade medieval. Nesta rúa destaca a Casa dos Gaibor, unha das máis importantes familias xudías que viviron en Monforte. Mentres na rúa Zapaterías, destaca na súa parte baixa, o edificio do cárcere vello, actualmente dedicado a oficinas. A zona ofrece bonitas vistas de Monforte.